Misión, visión e valores da EDLP
Misión: a misión é a meta xeral que actuará como referente último da actuación da entidade.
O GALP A Mariña-Ortegal quere contribuír á creación dunha zona marítima moderna e dinámica que aposte por un sector pesqueiro innovador, forte e sostible capaz de xerar traballo de calidade, e por revalorizar, protexer e diversificar o uso do patrimonio natural e cultural coa implicación do conxunto da comunidade costeira.
Visión: a visión é, en esencia, unha imaxe que se proxecta no futuro que se desexa para o GALP. É un factor utópico "ideal" que empuxa a organización a actuar dunha maneira integrada.
O GALP A Mariña-Ortegal pretende constituírse nunha referencia no deseño e a aplicación de actuacións encamiñadas a fomentar un desenvolvemento equilibrado e sustentable da zona marítima, cunha presenza importante dun sector pesqueiro moderno, aberto e cun alto grao de implicación, e cun aproveitamento intelixente dos recursos naturais e patrimoniais a través da colaboración e participación dos diferentes axentes presentes no territorio, que faga da Mariña-Ortegal un territorio único e diferenciado.
Valores: calquera organización que promove iniciativas de carácter público ou privado ten como base unha serie de valores, que son un elemento central que artella a definición das súas estratexias. Estes son inherentes ás organización, pero tamén son unha determinada maneira de xestionar procesos.
O GALP A Mariña-Ortegal comprométese cos seguintes valores:
- A costa como zona marítima sustentable, planificada, moderna culturalmente, innovadora e dinámica, que xere emprego para o benestar da súa comunidade e que conte cuns bos servizos e infraestruturas.
- A centralidade do sector pesqueiro para o desenvolvemento da zona e a necesidade de reforzar o seu papel a través da diversificación de actividades, a aposta pola innovación e a busca dunha maior rendibilidade e valor engadido dos seus recursos produtivos.
- A aposta por unha maior integración e colaboración do sector pesqueiro con outros sectores económicos, cunha implicación e participación real da comunidade costeira.
- A importancia do patrimonio cultural e as tradicións mariñeiras para o desenvolvemento da identidade da zona marítima, e a necesidade da súa conservación e posta en valor para o conxunto da poboación.
- O principio de desenvolvemento sostible da zona costeira que se sustenta na conservación dos recursos naturais, prevención da contaminación e realización de actividades que procuren non alterar o equilibrio dos ecosistemas.
- A posta en valor da riqueza dos recursos naturais e culturais da zona marítima e as súas posibilidades para aumentar a actividade económica da zona, sobre todo a través da actividade turística.
- O fomento dunha participación efectiva, para reforzar a gobernanza local e contribuír a mellorar o traballo conxunto entre os axentes do territorio.