Sorry, you need to enable JavaScript to visit this website.

As redeiras de Malpica amosan un oficio ligado á historia e á vida do porto

“Descubrindo o oficio das redeiras en Malpica” permitirá coñecer de preto o traballo de María Pilar Pérez e María Jesús Otero e a importancia desta actividade para a comunidade mariñeira

O GALP Costa da Morte suma unha nova experiencia de turismo mariñeiro ao proxecto Mar e Rías: Pesca & Turismo, unha iniciativa de cooperación na que participan os oito Grupos de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP) de Galicia.

A proposta permitirá achegarse ao oficio das redeiras, unha actividade estreitamente vinculada á pesca e á vida dos portos galegos. A experiencia terá lugar o martes 29 de setembro, de 11:00 a 12:30 horas, no Muelle Sur nº 48 de Malpica de Bergantiños, da man de María Pilar Pérez e María Jesús Otero.

Durante a actividade, as persoas participantes poderán coñecer de primeira man o traballo que desenvolven as redeiras e a importancia das súas tarefas para o funcionamento da actividade pesqueira. A reparación e preparación das artes de pesca require coñecementos específicos, habilidade e experiencia, nun oficio que continúa formando parte do día a día dos portos.

Da man de María Pilar Pérez e María Jesús Otero, os participantes poderán coñecer o seu traballo, as tarefas que realizan e os coñecementos necesarios para desenvolver esta actividade. Unha oportunidade para achegarse a unha profesión na que a práctica e a experiencia adquirida ao longo dos anos teñen un papel fundamental.

O oficio das redeiras forma parte, ademais, do patrimonio marítimo e da identidade das comunidades costeiras, ao estar directamente ligado á actividade pesqueira e á transmisión de coñecementos entre xeracións. Coñecer o seu traballo permite tamén comprender mellor todo o que acontece arredor dun porto e as diferentes profesións que fan posible a actividade no mar.

Esta experiencia forma parte das propostas que están a xurdir ao abeiro de Mar e Rías: Pesca & Turismo, a partir das accións formativas desenvolvidas no marco do proxecto. A iniciativa busca transformar os coñecementos e a experiencia dos profesionais do sector en novas propostas para achegar o patrimonio marítimo e os oficios do mar á sociedade.

A actividade é gratuíta e permitirá coñecer de preto un oficio que continúa formando parte da realidade e da identidade mariñeira de Malpica. As persoas interesadas poden realizar a súa inscrición no teléfono 618 320 033.