Sorry, you need to enable JavaScript to visit this website.

Unha visita de estudo ao País Vasco achega aos oito GALP galegos experiencias para afrontar o relevo xeracional no sector pesqueiro.

 

Máis de vinte persoas, entre representantes dos GALP, profesionais e persoas vinculadas directamente ao sector pesqueiro galego, participaron nunha visita de estudo ao País Vasco para coñecer modelos formativos, iniciativas de innovación e experiencias vinculadas ao futuro da pesca

Galicia, outubro de 2026.

Máis de vinte persoas, entre representantes dos oito Grupos de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP), profesionais e persoas vinculadas directamente ao sector pesqueiro galego, participaron do 28 de setembro ao 2 de outubro nunha visita de estudo ao País Vasco destinada a coñecer de primeira man diferentes experiencias e iniciativas relacionadas co relevo xeracional, a formación, a innovación e a modernización do sector marítimo-pesqueiro.

A visita forma parte das actuacións previstas no proxecto «RELEVO XERACIONAL: O FUTURO DO MAR», unha iniciativa de cooperación dos oito GALP de Galicia, en colaboración co GALP vasco Itsas Garapen Elkartea, que exerceu como entidade anfitrioa durante a visita en Euskadi. O proxecto está financiado pola Consellería do Mar no marco do Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA).

Ao longo da visita, a delegación galega puido coñecer diferentes modelos e iniciativas desenvolvidas no País Vasco, prestando especial atención ás fórmulas para favorecer a incorporación de novas xeracións ao sector pesqueiro e á conexión entre formación, actividade profesional e tecido produtivo.

A primeira das xornadas de traballo centrouse en Kofradia Basque Seafood (KBS), nas súas instalacións de Berriatua, e na Escola de Pesca de Ondarroa (Antiguako Ama Ondarroa). A programación continuou cun encontro dedicado á estratexia de relevo en Euskadi na Lonxa de Ondarroa, permitindo coñecer as iniciativas que se están a desenvolver para afrontar este reto no territorio vasco.

A xornada seguinte incluíu unha visita a AZTI, onde a delegación galega puido coñecer o traballo desenvolvido arredor da ciencia e o relevo no sector, así como unha visita a Albaola, achegándose a outra das dimensións vinculadas á cultura marítima e á transmisión do coñecemento relacionado co mar.

A visita permitiu tamén coñecer iniciativas directamente vinculadas coa actividade pesqueira. Durante a xornada dedicada ás experiencias de OPEGUI arredor do relevo, os participantes puideron coñecer de primeira man a actividade pesqueira a través da iniciativa «Arrantza ikustera goaz» (Vamos ver pescar), desenvolvida coa Kofradia-Isturiz.

A programación incluíu igualmente unha aproximación á divulgación e á utilización de novas ferramentas para achegar a realidade da pesca á sociedade, coa visita ao Itsas Museo de Donosti e ao seu espazo dedicado á pesca de baixura, onde a delegación puido coñecer tamén o emprego de gafas de realidade virtual.

Intercambiar experiencias para buscar solucións ao relevo

A visita ao País Vasco responde ao carácter de cooperación do proxecto e á vontade de compartir experiencias e identificar iniciativas que poidan ser útiles para afrontar o reto do relevo xeracional nas comunidades costeiras galegas.

O proxecto parte da necesidade de achegar o sector marítimo-pesqueiro ás novas xeracións e de amosar que existen diferentes vías de acceso á actividade profesional no mar. Neste sentido, a formación, a experiencia práctica e a conexión directa entre os centros educativos e o sector constitúen elementos fundamentais para favorecer a incorporación de novos profesionais.

A visita permitiu coñecer diferentes realidades e modelos que abordan o futuro do sector desde perspectivas complementarias: a formación, a innovación e a investigación, a actividade das organizacións do sector, a transmisión do coñecemento e a divulgación da realidade pesqueira.

O intercambio de experiencias entre Galicia e Euskadi permitirá continuar reflexionando sobre novas fórmulas para facer visible o sector pesqueiro como unha opción profesional, favorecer a incorporación da mocidade e contribuír á continuidade das actividades económicas e sociais vinculadas ao mar.