Sorry, you need to enable JavaScript to visit this website.

O Galp Costa da Morte aposta pola transformación dos produtos do mar para lograr as axudas de ata 200.000 euros

  • O Xerente da entidade, Guillermo González, sostén que “os proxectos que vaian na liña da transformación son os que aportan valor”
  • O prazo para solicitar as axudas do Galp Costa da Morte está aberto ata o 29 de febreiro
  • A entidade celebrou unha xornada informativa para lograr que os proxectos consigan o financiamento europeo

 

Vimianzo, 9 de febreiro de 2024. Lanzar ao mercado novos produtos a partir do percebe e manter viva a memoria mariñeira dende Caión ata Muxía. Estas son as ideas centrais de dous proxectos que xa lograron a axuda económica do Galp Costa da Morte e que se presentaron na Casa da Cultura de Vimianzo:  “mesturar o percebe, por exemplo, coas algas e facer degustacións para os peregrinos”, detallou Santiago Pérez, promotor das iniciativas e membro da Asociación de Profesionais Percebe da Barca. As súas ideas serviron para animar ao público asistente á xornada informativa a solicitar as axudas.

Pola súa parte, o Xerente do GALP Costa da Morte, Guillermo González, fixo fincapé na importancia dos proxectos que aposten pola transformación dos produtos do mar para lograr as axudas económicas, “as ideas que vaian nesta liña son as que engaden valor”, matizou. Ademais, Guillermo González, explicou que “os proxectos xorden porque temos unha necesidade, vemos unha oportunidade e, a partir de ahí, podemos xerar o noso autoemprego”.

A xornada contou tamén coa presenza do secretario da confraría de Laxe. Antonio Devesa defendeu a importancia da posta en valor a pesca artesanal, “de nada serve se tes algo maravilloso, como son os nosos peixes, e non o das a coñecer; o labor de promoción nos proxectos que se presenten é moi importante”, subliñou Antonio Devesa.

Un orzamento de máis de 2.500.000 euros

As axudas do GALP Costa da Morte son apoios económicos dirixidos a proxectos ao abeiro das estratexias de desenvolvemento local participativo (EDLP) para impulsar o tecido empresarial da Costa da Morte. O orzamento destinado a estes apoios supera os 2.500.000 euros.

As axudas van dirixidas a proxectos que permitan crear postos de traballo e poñan en valor o territorio. Por outra parte, os apoios económicos do GALP fomentan a participación de mulleres e buscan garantir o relevo xeracional no sector pesqueiro.  Entre os obxectivos, tamén figura o fomento da economía azul, o impulso do benestar social e do patrimonio cultural.

As persoas beneficiarias das axudas son autónomos e pemes, con proxectos individuais ou colectivos, localizados nos concellos de Cabana de Bergantiños, Camariñas, Carballo, A Laracha, Laxe, Malpica, Muxía, Ponteceso e Vimianzo.

As axudas, cofinancian ata un 50% do orzamento, chegando aos 200.000€

Os proxectos recibirán unha axuda que vai dende o 35 ao 50% do gasto subvencionable, dependendo da puntuación obtida, ata un máximo de 200.000€. No caso da pesca artesanal, as porcentaxes poden incrementarse.

As axudas, publicadas na páxina do Galp Costa da Morte https://galp.xunta.gal/costa-da-morte/novas, foron aprobadas aos grupos de acción local do sector pesqueiro (GALP) no marco do Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura 2021-2027.

 

 

Más información:

 

Correo electrónico: galp.mar.costadamorte@xunta.gal

Teléfono: 981 707 378 // 626 104 619

Persoas de contacto: Guillermo González - Xerente