
José Antonio Santamaría, patrón maior da Confraría de Aguiño.
A crise provocada pola Covid-19 afecta de cheo a moitos sectores, incluido o pesqueiro e marisqueiro. Na zona da vosa Congfraría, neste momento está parada a actividade tanto de percebe como de ourizo, non?
Si, correcto. O percebe xa se parou desde a primeira semana do estado de alarma. Porque os compradores xa nos indicaron no seu momento que non tiñan intención de mercalo se non viñan á lonxa. E desde entón non subastamos nin un quilo. Nestas últimas semanas si que fomos algúns días a por ameixa vermella e ourizo.
Por tanto, á parte das especies mencionadas, en que nivel de actividade estaría agora a zona de influencia da Confraría?
Agora mesmo está á metade do seu nivel habitual, pero hai uns días a situación era peor. Esta mellora débese a que vimos de abrir unha zona dedicada á ameixa rubia, que está reservada para o verán, pero que decidimos adiantar para reducir os efectos da caída da actividade. Ademais, a ameixa vermella tivo unha boa produción ata o final da campaña, que foi o 30 de abril. Pero a situación é delicada e temos que distribuir a xente en función de onde hai máis actividade. Unha vez que rematou a campaña de ourizo tivemos que pasar á xente a traballar na ameixa.
Cantas persoas, entre mariscadores e pescadores, traballan habitualmente?
Arredor dunhas 150 persoas. E desa parte estarán traballando na acualidade en torno á metade, unhas 70 persoas.
E o marisco é a vosa principal fonte de ingresos.
Si, é a máis importante. De aí o problema, que o 100% dos nosos ingresos proceden do marisco, tanto de percebe, ameixa, navalla e ourizo, que é un sector que agora ten menos demanda que, por exemplo, o peixe.
Precisamente o marisco non é un produto de primeira necesidade, pero si que é importante para unha dieta sana e para a economía da vosa zona.
Claro que si. Isto é unha cadea, que afecta a outros sectores. E agora está todo ao 40%-50%. Ao que se suma a incertidume de cando rematará isto. Se sabemos que van ser 15 ou 20 días máis, intentamos aguantar. Pero se isto se alonga por máis tempo non podemos predecir que será da nosa actividade. Estamos abrindo unha zona que tiña que ser para o verán. E sen axudas. E a efectos de actividades consideránnos como un traballo esencial cando sabemos que o marisco non é un alimento de primeira necesidade.

