Sorry, you need to enable JavaScript to visit this website.

A restauración subsiste potenciando a comida a domicilio

O GALP Ría de Pontevedra contacta con hostaleiros da contorna da Ría que se manteñen activos para coñecer os retos que afrontan

Dende que se decretou o estado de alarma no noso país a actividade da restauración freou en seco. Bares e restaurantes pecharon as súas portas, algúns non saben se as volverán a abrir, outros mantéñense activos grazas ao servizo de comida a domicilio e ao take away. O GALP Ría de Pontevedra, preocupado polo alcance que esta situación está a ter sobre o tecido socioeconómico da área da Ría quixo coñecer as estratexias que, dende a restauración, están ou ben implementado ou ben potenciando para facer fronte a esta crise. O sector da hostalería é un dos piares da economía española, representa o 6,2% do PIB do país, emprega directamente a 1,7 millóns de persoas e factura preto de 125 mil millóns de euros ao ano. Está distribuido por todo o territorio e, en certas comunidades autónomas e vilas, está moi ligado ao turismo, outro dos motores económicos nacionais. Os fogares españois destinan un 15% da renda ao consumo en bares e restaurantes, unha procentaxe que dobra o promedio da UE, segundo o Eurostat. Malia a súa importancia trátase dun sector fráxil ante os imprevistos e vulnerable en exceso aos ciclos e flutuacións económicas. Os restaurantes tentaron paliar o efecto negativo das medidas de confinamento con medidas de austeridade: aforro dos gastos xerais fixos, adianto das vacacións do persoal, axustes no stock. Con todo, moitos negocios puxeron en marcha ERTEs. Neste momento, con excepción das entregas a domicilio e a recollida en punto de venda, hai un cese case total da actividade e, en consecuencia, da xeración de ingresos.

Comida a domicilio e novos menús

Daniel Martínez, xerente do restaurante asador Entrebrasas de Bueu, conta que antes da crise sanitaria no seu equipo eran máis dunha ducia de persoas pero agora “nos vimos en la obligación de mandar al ERTE a seis personas”. Non foron os únicos que tiveron que pasar por ese trago, a bueuesa Ana Nantes de Casa Quintela tivo que facer un ERTE aos seus tres empregados “para poder sobrelevar isto un pouco”. Para Juan Castiñeiras, que rexenta o restaurante O Bioco na zona monumental de Pontevedra, este revés económico supón un duro golpe nun negocio que “estábamos traballando bastante ben, crecendo case un 30% anual”, explica.

      Platos de O Bioco

Así e todo, a crise do coronavirus non os detivo. Con plantillas reducidas, seguen a traballar, aínda que pouco, dando servizo a domicilio e preparando comida para levar. Non só seguen atendendo aos seus clientes senón que ademais contribúen a manter as medidas de confinamento nos fogares. “Cuando esto empezó la gente era un poco reacia a solicitar el servicio a domicilio supongo que por precaución pero después de tanto tiempo sin poder hacer nada buscan una alternativa, algo para romper la rutina, y ahora estamos viendo más movimiento en el reparto a domicilio”, sinala Martínez. No Entrebrasas o servizo a domicilio sempre foi unha práctica complementaria dun negocio baseado na atención e recepción de clientes no local, agora subsisten grazas a él. De cara ao futuro, o xerente augura que o reparto a domicilio sairá fortalecido e que lles servirá “para buscar alternativas a lo que pueda llegar en el futuro”. É máis, grazas a a este servizo veñen de ampliar a súa zona de reparto “porque la gente empezó a preguntar y vimos que lo agradecían mucho”, o paso natural era manter esa impresión positiva e “aprovechar este servicio para que nos conozcan en otras zonas”. Casa Quintela estivo pechada ata o 13 de abril, reabriu porque varios clientes habituais preguntaron polo servizo de comida para levar. “Hai pouco que empezamos e non hai moito movemento”, conta Ana. Cando comezou o confinamento pechou o negocio porque “non pensaba que ía ser tanto tempo”. Foi precisamente esa incerteza a que propiciou a reapertura porque “está ben ter algo de ingresos, xa non polos gastos do restaurante senón por nós mesmos, temos que comer, non temos outro traballo a maiores”, explica. Juan recoñece que a cantidade de servizos que prestan é pequena e que en condicións normais “non sería rentable” pero como “agora mesmo non temos outra cousa seguimos adiante”. No seu restaurante o servizo a domicilio funcionaba só en momentos puntuais do ano como as Navidades. Ante a situación excepcional provocada polo Covid-19 decidiron que a única forma de poder aguantar era “manter a nosa aposta polos produtos de km 0 e facerllelos chegar aos clientes as súas casas”. Ante esta situación os restaurantes tiveron que mudar as cartas e os menús, algo que repercute nas compras: menos cantidade e variedade de xénero. En Casa Quintela pasaron de facer a compra no Cash Record a optar polos supermercados máis próximos. A carta reduciuse, de tres primeiros e tres segundos a elixir “pasamos a un menú semanal cun primeiro e un segundo con opción a cambio”, di Ana. No Bioco reduciron igualmente a carta “preparamos pratos que sexan fáciles de quentar ou fríos, por exemplo, vieiras ao forno con boletus ou unhas carrilleiras de tenreira con setas dos nosos montes”, explica Juan. Este restaurante, que conta coa distinción pescado artesanal KM 0 outorgada polo GALP Ría de Pontevedra pola calidade dos produtos do mar cos que traballan, quere manter esa calidade e bo traballo de aí “que centrásemos a carta” incluso probando novos pratos como peixes en escabeche “porque pódense ter na neveira durante días sen que perdan a calidade”, indica o propietario. O Entrebrasas abre todos os días da semana pero só a mediodía, polas noites “non compensa, apenas temos pedidos”, explica o xerente. Tamén reduciron o menú agora fan o mesmo durante toda o semana, un menú que ofrece seis primeiros, seis segundos, postres e bebida.

Plataformas e redes sociais

A nova realidade vén impulsada polas redes sociais, un excelente apoio para manter aos clientes informados e, incluso, captar algún novo. “Las redes sociales son fundamentales, me he dado cuenta de que son el nuevo boca a boca”, constata Martínez. O Entrebrasas mantén varios perfís en diferentes redes sociais, “si antes una publicación tenía 20 Me Gusta ahora tiene el triple, la gente pasa más tiempo conectada, te ven, comentan y comparten”. Pola súa banda, Casa Quintela ten presenza en Instagram e Facebook, redes nas que publicita o menú e a forma de contacto. Ademais, utilizan Whatsapp “para que a xente faga o encargo e así saber o número de menús diarios que hai que preparar”, sinala a responsable. “Nos non temos nada diso, temos a páxina de Facebook pero non é algo que usemos”, recoñece Juan. Porén, utilizan Whatsapp para xestionar os pedidos de menús e manter o contacto cos clientes. Nas últimas semanas foron aparecendo iniciativas para favorecer ao sector e informar á cidadanía dos servizos que ofertan os negocios que están abertos. No Concello de Pontevedra creouse unha base de datos na que a xente pode consultar que negocios seguen a traballar, os servizos que ofertan (como o reparto de produtos a domicilio) e os medios para contactalos, e tamén púxose en marcha #PonteLovers, unha plataforma para impulsar a recuperación das actividades comerciais de proximidade, liderada por hosteleiros, comerciantes e empresarios. En Bueu, a plataforma comercial online Quédatebueu informa dos establecementos asociados da vila que se manteñen abertos, como Casa Quintela. E tamén elaborou unha listaxe de empresas que están a servir a domicilio nestes momentos, a Federación de Comerciantes e industriais do Morrazo (FECIMO). Tanto Ana como Juan e Daniel concordan en que estas iniciativas son interesantes. “Para los establecimientos el tema es estar ahí e informar a la gente para que se acuerden de ti”, valora Martínez, pero non todos teñen o tempo nin os coñecementos como para facelo. Para Juan “é normal que a xente se busque a vida”, que xurdan iniciativas como estas.

O medo ao futuro

O futuro a corto e medio prazo non está nada claro. Ninguén dúbida de que esta actividade será das últimas en recuperar a normalidade. Os establecementos temen unha longa e complexa recuperación. Perdida a campaña de Semana Santa, está por ver se poden rescatar parte da de verán mais considerano improbable. “El futuro es complicado e incierto. No sabemos mucho, ¿tendremos que limitar el aforo tras el confinamiento?”, pregúntase o xerente do Entrebrasas. O levantamento gradual das restricións promoverá unha lenta recuperación da actividade pero moitos pensan que a demanda inicial será baixa limitada polo medo ao contaxio e pola falta de turistas. Co tempo, non se sabe canto será, volverase a un nivel de actividade próximo ao do período precrisis mais moitos negocios quedarán polo camiño e, sen dúbida, os hábitos mudaran e o sector terá que adaptarse a eses cambios. “Hay muchísima gente que seguirá con miedo, que no querrá salir. Se quedarán mucho en su casa y tendremos que buscar otras formas”, explica David, que non perde o optimismo “Seguimos porque hay que estar ahí, tratando de no desanimarte y, también, intentando animar a la gente”. Outros ven o futuro con máis pesimismo, “Cando volveremos á normalidade?”, inquire Juan, “Non o sabemos e dise que tras isto teremos unha crise máis profunda que a de fai dez anos. Haberá que reinvertarse, ou marchar a outro sitio”.