Sorry, you need to enable JavaScript to visit this website.

Empresarios e emprendedores asisten en Marín a unha xornada informativa sobre as axudas do IGAPE

A xerente do GALP Ría de Pontevedra debullou as axudas do FEMP

A xerente do GALP Ría de Pontevedra, Laura Nieto, participou onte pola tarde en Marín nun encontro con empresarios e emprendedores da contorna da ría organizado por AJE Pontevedra, o Concello de Marín e a Xunta de Galicia. A xornada informativa ‘Novas axudas e servizos para as pemes galegas e emprendedores 2020’ congregou a máis de vinte persoas no Espazo Emprendedor do concello para coñecer de primeira man os distintos programas de apoio para o tecido empresarial galego. Na súa intervención, Nieto destacou o compromiso da súa entidade á participación de todo o territorio e o labor facilitador do GALP Ría de Pontevedra á hora de xestionar as axudas do FEMP. Lembrou as liñas de actividade nas que poden desenvolverse proxectos, que teñen que cumprir unha serie de condicións obxectivas e de impactos positivos no lugar onde se asentan para poder ser beneficiarios; e que existen proxectos produtivos e non produtivos que teñen diferentes porcentaxes de axudas. Finalmente, Nieto animou ás persoas presentes a participar nas xornadas de asesoramento que se están a levar a cabo nos diferentes concellos da área de influencia do GALP Ría de Pontevedra e a informarse nas oficinas do GALP sitas no Porto de Marín. No encontro tamén participou o director do IGAPE, Juan Cividanes, que explicou os programas de apoio existentes en eidos como a internacionalización, o financiamento ou a dixitalización. Cividanes destacou que o obxectivo destas axudas é impulsar os proxectos empresariais da nosa comunidade e reforzar a competitividade das PEMES galegas.