Sorry, you need to enable JavaScript to visit this website.

FARNET distingue a iniciativa Mar das Illas dos GALP das Rías Baixas como proxecto de boas prácticas

Mar das Illas busca promover o turismo mariñeiro e a pescaturismo na contorna do Parque Nacional das Illas Atlánticas

A Rede Europea de Zonas de Pesca (FARNET) vén de recoñecer a iniciativa Mar das Illas, promovida polos Grupos de Acción Local do Sector Pesqueiro GALP Ría de Pontevedra, Ría de Arousa e Ría de Vigo-A Guarda, como proxecto de boas prácticas pola súa contribución á diversificación do sector e á posta en valor da cultura mariñeira e da biodiversidade da zona.

Mar das Illas ten por obxectivo o recoñecemento do traballo dos e das profesionais da pesca e o marisqueo mediante o desenvolvemento de iniciativas de turismo mariñeiro e pescaturismo. Con este proxecto dáselle apoio e formación aos traballadores e traballadoras do sector no ámbito turístico para dotalos das ferramentas necesarias para trasladar os seus coñecementos e atender aos diferentes perfís de visitantes.

No marco deste proxecto foron tuteladas unha vintena de iniciativas empresariais e puxéronse en marcha seis proxectos piloto de turismo mariñeiro e pescaturismo, intimamente vinculados ao principio de desenvolvemento sostible do territorio a través da preservación, uso e protección dos recursos naturais da zona. Ademais, organizouse a I Xornada Internacional sobre Turismo Mariñeiro e Pescaturismo, celebrada en Pontevedra no mes de setembro, e realizáronse tres Xornadas Abertas á Cidadanía para dar a coñecer estas actividades.

Ao abeiro de Mar das Illas, puxéronse en marcha catro accións formativas nas que 229 profesionais do mar puideron formarse como Guías Acreditados en turismo mariñeiro e pescaturismo no ámbito do Parque Nacional. Así mesmo, elaboráronse catro guías — Guía introdutoria ao turismo mariñeiro na área do , Guía de Emprendemento en Turismo Mariñeiro e Pescaturismo, Manual de Boas Prácticas no Sector Pesqueiro (enfocado na área PNMTIAG), Código de Boas Prácticas en Pesca e Turismo Marítimo (enfocado na área PNMTIAG) — e cinco protocolos sobre atención ao cliente, atención a persoas con discapacidade, emprendemento e protocolos socio-sanitarios contra a COVID-19.

Co proxecto Mar das Illas os GALP das Rías Baixas afrontan as necesidades derivadas da realización das actividades de turismo mariñeiro por parte do sector pesqueiro, a ampliación da oferta turística na zona e a contribución destas accións á mitigación do cambio climático.