Sorry, you need to enable JavaScript to visit this website.

Marín acolle unha xornada clave para impulsar proxectos vinculados ao mar

  • O GALP Ría de Pontevedra achega ao territorio as axudas do FEMPA nun encontro con ampla participación institucional e social

O Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro Ría de Pontevedra (GALP-RP) celebrou onte unha nova xornada informativa sobre a convocatoria de axudas 2021-2027 do Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA). O encontro tivo lugar no é Restaurante de Marín e contou cunha ampla participación de persoas emprendedoras, representantes do tecido asociativo e institucións locais.

O evento contou coa presenza da alcaldesa de Marín, María Ramallo, da subdirectora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Montserrat Castro, e da presidenta do GALP Ría de Pontevedra, María del Carmen Vázquez Nores, xunto co equipo técnico do grupo.

A presidenta do GALP Ría de Pontevedra, María del Carmen Vázquez Nores, subliñou a importancia de “facermos chegar estas oportunidades a todas as persoas e entidades que queren emprender ou mellorar a súa actividade desde unha visión sostible e integradora do mar”.

Durante a sesión, presentáronse os detalles das axudas que xestiona o GALP, explicando os criterios de selección, os requisitos de acceso e as liñas prioritarias de actuación, enmarcadas na Estratexia de Desenvolvemento Local Participativo (EDLP). Esta estratexia aposta por un modelo sostible de desenvolvemento baseado na valorización dos recursos mariñeiros, a diversificación da economía local e a conservación do patrimonio natural e cultural do territorio.

A xornada iniciouse coa presentación do é Restaurante como exemplo de proxecto apoiado polo GALP-RP, demostrando como as axudas poden transformar ideas en realidades con impacto económico e social. Ao remate do encontro, as persoas asistentes puideron participar dun espazo de asesoramento individualizado e dunha degustación de produtos do mar preparados polo chef Marcos S. Area, propietario do é Restaurante.

Dende o GALP Ría de Pontevedra animan a todas as persoas interesadas a contactar co grupo para recibir asesoramento na preparación das súas propostas de cara á nova convocatoria de axudas, que se prevé que abra a comezos do vindeiro ano.