Sorry, you need to enable JavaScript to visit this website.

O GALP Ría de Pontevedra anuncia novas axudas e organiza xornadas de presentación nos concellos de Meaño, Poio e Marín

 

  • O GALP Ría de Pontevedra xestionará máis de dous millóns de euros en axudas para proxectos no seu territorio
  • As xornadas brindarán asesoramento sobre a presentación de proxectos ao amparo da EDLP
  • Meaño, Poio e Marín acollen as primeiras accións formativas dirixidas a empresarios/as, asociacións, entidades do sector pesqueiro e da economía azul para dar a coñecer as axudas
  • O prazo de presentación de proxectos remata o 29 de febreiro

O GALP Ría de Pontevedra inicia unha campaña informativa sobre a apertura dunha nova convocatoria das axudas FEMPA 2021-2027 para a anualidade 2024 dirixidas a impulsar proxectos que contribúan ao desenvolvemento sostible da Ría de Pontevedra. Contan cun financiamento do 70 % por parte do FEMPA e do 30% por parte da Consellería do Mar. Neste ano, o prazo de presentación de proxectos finaliza o 29 de febreiro.

O GALP Ría de Pontevedra xestionará máis de dous millóns de euros en axudas para proxectos no seu territorio que promovan a sostibilidade ambiental, asegurando que as operacións financiadas se manteñen en consonancia coa política pesqueira común e a lexislación ambiental da Unión

As axudas están enmarcadas no Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA) 2021-2027. E a convocatoria de axudas ao amparo do FEMPA está rexida pola Orde do 28 de decembro de 2023, que establece as bases reguladoras para a concesión de axudas para proxectos ao amparo das estratexias de desenvolvemento local participativo (EDLP).

As xornadas de presentación

O Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP) Ría de Pontevedra, en colaboración cos Concellos de Meaño e Poio, organiza nesta vindeira semana xornadas de presentación das axudas dirixidas a empresarios/as, asociacións e entidades do sector pesqueiro e público en xeral.

Estas xornadas teñen como propósito detallar as bases da convocatoria, resolver dúbidas e guiar ás persoas e entidades interesadas no proceso de solicitude.

A primeira xornada, que será o martes 6 de febreiro, está dirixida a autónomos/as e empresas, e terá lugar ás 17:00 horas na Casa da Cultura de Meaño (R/Campo da Feira, 17). Ás 18:30 horas, no mesmo espazo, terá lugar a presentación dirixida a asociacións. A segunda xornada, o xoves 8 de febreiro, terá lugar no Concello de Poio, no Casal de Ferreirós (Av. Andurique, 43), ás 11:00 horas. O venres, 9 de febreiro, terá lugar a terceira xornada, ás 11:30 horas no Museo Torres no Concello de Marín.

O GALP Ría de Pontevedra anima a todas as persoas e entidades con ideas ou proxectos para desenvolver en torno ao mar e que contribúan ao desenvolvemento sustentable e integrado da Ría de Pontevedra a asistir a estas xornadas e a aprender máis sobre as oportunidades de financiamento dispoñibles.

O GALP espera que, nesta nova convocatoria, os proxectos subvencionados sexan tanto ou máis frutíferos que os de anos anteriores e está a traballar con cada un dos concellos do territorio para facilitar a posibilidade de solicitude de proxectos e achegar información á cidadanía.

Para máis información e inscricións, pódese contactar co GALP Ría de Pontevedra a través do teléfono 886 213 015 ou do correo electrónico gacpontevedra@gmail.com