
- As iniciativas abranguen proxectos produtivos, sociais, culturais e ambientais nos municipios de Sanxenxo, Meaño, Poio, Pontevedra, Marín e Bueu
O Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro Ría de Pontevedra (GALP-RP) aproba un total de 17 proxectos na convocatoria de axudas 2025, financiada pola Consellería do Mar e o Fondo Europeo Marítimo, da Pesca e da Acuicultura (FEMPA). En conxunto, estas iniciativas contan cun financiamento público de máis de 1 millón de euros (1.087.844,41 €).
O maior número de proxectos concéntrase en Sanxenxo, con cinco iniciativas que abranguen desde propostas para facilitar a accesibilidade aos deportes náuticos ata proxectos de diversificación ligados á economía azul. Por exemplo, o Concello de Sanxenxo dotará de acceso peonal á praia de Silgar.
En Marín foron aprobados tres proxectos que combinan a dimensión empresarial e pública. Entre eles destaca o de O Percebeiro, co que se mellorarán os procesos de elaboración e se poñerá en marcha unha nova rede de distribución local “ECO”. Xunto a esta iniciativa, financiáronse outras propostas orientadas á adquisición de equipos de refrixeración para produtos do mar e ao acondicionamento do acceso á praia de Mogor, esta última promovida polo Concello de Marín.
Pola súa banda, en Bueu, tamén con tres proxectos beneficiarios, as axudas permitirán impulsar actuacións de eficiencia enerxética e culturais ligadas ao mar, como o proxecto creativo do ilustrador Luis Davila, ademais doutras orientadas á mellora da comercialización dos produtos mariñeiros como é a da Confraría de Pescadores de Bueu.
En Poio, as axudas apoiarán dúas iniciativas promovidas polo Concello de Poio, centradas na análise da realidade do marisqueo na ría e na promoción do patrimonio mariñeiro, así como un proxecto empresarial.
Respecto a Pontevedra resultaron aprobados dous proxectos. Dun lado, o Concello recibirá apoio para desenvolver a campaña ‘Merca sostible e con traza’ e, por outro, a Confraría de Pescadores de Lourizán incorporará un equipo de visión nocturna para vixiar os bancos marisqueiros e as instalacións da confraría.
Finalmente, en Meaño financiouse a iniciativa do Concello, o Río Chanca Fest, para impulsar o consumo dos produtos do mar entre a mocidade.
Un conxunto de iniciativas diversas, desde melloras produtivas en empresas pesqueiras e acuícolas, proxectos sociais de inclusión, propostas culturais, ata accións promovidas por concellos, confrarías que buscan dinamizar a ría de Pontevedra. Todas estas actuacións están aliñadas cos obxectivos da Estratexia de Desenvolvemento Local Participativo (EDLP) 2023-2027, que aposta pola innovación, a creación de emprego, a diversificación económica e a posta en valor do patrimonio mariñeiro.
A presidenta do GALP Ría de Pontevedra, María del Carmen Vázquez Nores, salientou que “os proxectos aprobados amosan o compromiso das empresas, das confrarías, dos clubs náuticos, dos concellos e das entidades sociais cun futuro sostible para a nosa ría, no que o mar continúa a ser motor do progreso económico e a cohesión social”.

