
A Consellería do Mar vén de resolver a concesión dunha axuda ao proxecto de cooperación interterritorial “Candieira - Rede de apoio e promoción das mulleres do mar en Galicia”. O proxecto, presentado conxuntamente polos Grupos de Acción Local Pesqueira Ría de Pontevedra, Golfo Ártabro Norte, Costa da Morte e Seo de Fisterra Ría de Muros-Noia Costa Sostible, Ría de Arousa e Ría de Vigo – A Guarda, impulsará unha rede colaborativa para promover ás mulleres do mar no ámbito galego.
O Grupo presentou o pasado día 31 de xaneiro un proxecto á convocatoria de proxectos de cooperación para GALPs que xestiona a Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro da Consellería do Mar e acaba de recibir a concesión da axuda solicitada que acada o 100 % do orzamento do proxecto.
A través da promoción e da activación da autoorganización e o apoio ao emprendemento, este proxecto busca unha maior gobernanza e empoderamento das mulleres do sector pesqueiro. A promoción da igualdade de oportunidades é un dos eixos que vertebra o funcionamento dos Fondos Estruturais e de Investimento Europeos (FEIE). OS GALP son entidades colaboradoras na xestión do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca e contan cunha Estratexia de Desenvolvemento Local Participativo artellada a través de obxectivos estratéxicos concretos en cada territorio.
Con este programa preténdese reforzar a gobernanza das mulleres do mar, a través dun conxunto de programas de formación e de acompañamento de proxectos emprendedores que buscan mellorar as capacidades das mulleres en diferentes ámbitos vitais e profesionais. Ademais, a constitución desta rede de traballo e colaboración para a promoción de iniciativas e actividades orientadas a visibilizar e reforzar o papel das mulleres nas comunidades costeiras quere ser un xeito de compartir recursos e optimizar custos á hora de poñer en marcha proxectos neste ámbito.
O proxecto contempla, entre outras accións divulgativas, a creación dun espazo web, que será unha das principais canles de difusión da actualidade do proxecto e das iniciativas que xurdan ao abeiro deste. Tamén se creará un catálogo de experiencias innovadoras e exitosas.
O proxecto consta de tres fases claramente diferenciadas: inicial, intermedia e final.
- Fase inicial. Divulgación do proxecto
- Fase intermedia. Innovación social para o emprendemento. Este é o corazón do proxecto no que se pretende abordar dúas actividades diferentes:
- O laboratorio. Espazo ideado para o deseño de iniciativas innovadoras nos territorios.
- Os programas de formación-acción: acompañamento de proxectos emprendedores e dinamización do asociacionismo de mulleres. Espazos ideados para reforzar e mellorar a capacitación das mulleres do sector no emprendemento e en diferentes ámbitos: o organizativo, o laboral e o persoal. Estas actividades implicarían un reforzo directo da gobernanza e o empoderamento das mulleres. Os programas concíbense como un espazo único e transversal no que traballar directamente os ámbitos do emprendemento e asociacionismo. Non se trata de entender como accións separadas, senón de carácter conxunto.
- Fase final. Exposición de resultados do proxecto e constitución da Rede.
O proxecto ten unha duración prevista de un ano.

