Sorry, you need to enable JavaScript to visit this website.

Campaña #Quedaconosomar

Igual que sucede noutras actividades, a crise provocada polo Covid-19 é complicada para o sector. Como afronta esta situación? Que pode facer a cidadanía para axudar ao sector do mar?

Se ben a paralización da actividade económica debida á emerxencia sanitaria do Covid-19 non afectou directamente ao traballo no mar (non se cesou a actividade pesqueira no decreto de estado de alarma por considerarse un sector produtivo básico para o abastecemento de alimentos), supuxo de feito un cese na pesca artesanal case inmediato. Este cese foi total nalgunhas modalidades incluídas na nosa confraría (marisqueo a flote e a pé, mergullo) e parcial noutras (artes menores, cerco). O cese forzoso da hostalería e a restauración limitou grandemente e de súpeto a demanda. A posibilidade de adaptación á nova situación pola nosa parte depende da diversificación de especies obxectivo, explotando aquelas que teñan máis demanda no mercado actual sen arriscar a súa sostenibilidade. Dependerá tamén da busca de vías de comercialización alternativas adaptadas ás circunstancias alteradas no consumo: venda final, venda on-line, ...

Máis que nunca, compróbase con esta crise que os consumidores son o motivo final da pesca, pois as súas necesidades e preferencias marcan a actividade produtiva. As boas prácticas no consumo obrigan a boas prácticas na pesca e viceversa. Esixir garantías de calidade fai mellorar os procesos de pesca e comercialización, consumir produtos autóctonos sostén a economía local. Estas pautas válidas en calquera situación económica fanse imprescindibles para o sostemento da pesca artesanal no momento actual.

 

Cal considera que é a importancia do sector do mar e, mais concretamente, da súa actividade, para a sociedade e a economía de Galicia?

Para a economía galega, a pesca e as actividades asociadas a ela xeran unha porcentaxe tan considerable do PIB e de postos de traballo que a súa perda causaría efectos moi graves para a sociedade. A importancia da pesca máis aló do estritamente económico é infondable; o traballo do mar en Galicia ven de antano, está estendido por todo o territorio e integrado na forma de vida da xente.

Que características propias da súa actividade fan que sexa esencial para a sociedade?

Galicia ten unha rica cultura mariñeira empregada cotidianamente. Ademais das comunidades pesqueiras que habitan territorios costeiros e traballan no mar (as confrarías representan a estas comunidades), o resto da sociedade emprega costumes relacionadas co mar e o seu traballo a través da gastronomía, o lecer, as frases feitas, ...

O traballo do mar en Galicia ten unha responsabilidade fundamental na conservación do litoral. Ao tempo que a actividade pesqueira depende do estado ambiental, a pesca pode influír sobre o medio mariño. A xestión sostible dos recursos, o autocontrol e a vixilancia costeira son servizos que a pesca e as confrarías particularmente ofrecen á sociedade de cara á conservación do litoral natural.

A pesca é unha actividade primaria que xera traballo directo e indirecto. A pesca artesanal crea riqueza local e repartida.

 

Por que cre que é vital consumir produtos do mar?

O consumo de produtos do mar de Galicia axuda a:

- manter unha dieta equilibrada pois son saudables.

- desfrutar da gastronomía pois son variados, frescos e de calidade.

- apoiar a economía local e o mantemento de postos de traballo.

- conservar ou mellorar o estado ambiental do litoral.

CAMPAÑA #QUEDACONOSOMAR |