Sorry, you need to enable JavaScript to visit this website.

O GALP COSTA SOSTIBLE APROBA SEIS PROXECTOS QUE PERMITIRAN CREAR QUINCE EMPREGOS NA RÍA DE MUROS-NOIA

Media ducia de proxectos produtivos para desenvolver na ría de Muros-Noia foron os primeiros en pasar o filtro da nova etapa do Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP). As propostas abarcan actuacións de carácter turístico e industrial, como a rehabilitación dunha antiga depuradora de moluscos na zona muradá de Abelleira para convertela nun centro de transformación de produtos do mar con cetaria e área para o pasteurizado de marisco.

As iniciativas respaldadas polo GACLP, que agora deben ser ratificadas pola consellería do Mar, suporá a creación de quince postos de traballo. En canto á inversión prevista, supera o millón de euros.

Unha sociedade cooperativa con base en Lira propón ampliar a súa liña de produción para incorporar polbo procesado, cocido e refrixerado, o que permitirá dar traballo a dúas persoas con discapacidade en virtude dun acordo subscrito co Cogami. Pola súa parte, unha firma de conservas artesanais de Nebra propón modernizar a súa imaxe.

En canto as iniciativas non produtivas, destaca a que implica aos municipios de Muros, Noia, Outes e Porto do Son para a elaboración dun plan estratéxico de turismo, coordinado co resto do xeodestino.

O orzamento é de 70.000 euros e o obxectivo, identificar os nichos de mercado máis interesantes a nivel turístico e definir estratexias para favorecelos.

Outra das actuacións que pretende subvencionar a xerencia do GALP4 é a adquisición de velas para o balandro Joaquín Vieta e a compra dunha embarcación auxiliar.