Sorry, you need to enable JavaScript to visit this website.

O GALP Ría de Pontevedra continúa a fomentar o crecemento económico da contorna da Ría

O ano pasado impulsou 16 proxectos cun investimento total de máis de dous millóns e medio de euros, creando 10 novos empregos

O Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP) da Ría de Pontevedra vén de presentar o Informe Anual de 2019 no que dá conta dos proxectos que se puxeron en marcha grazas ao seu apoio, así como das actividades que desenvolveron co obxectivo de poñer en valor a zona marítimo pesqueira da ría e a súa área de influencia.

Nesta liña, o GALP creou 10 novos empregos, a cifra máis alta dos últimos tres anos. Ademais, durante o 2019 naceron dúas empresas e consolidáronse 14 empregos.

A entidade recibiu un total de 42 solicitudes, 20 para proxectos produtivos e 22 para non produtivos. De todas estas propostas a Consellería do Mar aprobou 16 (11 produtivos e cinco non produtivos), as cales contaron cun financiamento de 574.570 euros de fondos públicos; subvencionando, como mínimo, o 40% da inversión no caso dos produtivos (426.314 euros) e o 80% no caso dos non produtivos (148.256 euros). O investimento total superou os dous millóns e medio de euros.

Entre os proxectos produtivos podemos atopar desde unha nova cetaria e cocedoiro de mariscos ata un aloxamento turístico sostible que achega á clientela a cultura do mar e o sector pesqueiro. Así tamén, unha embarcación adaptada a persoas con discapacidade física ou psíquica para practicar mergullo, locais de hostalería nos que comercializar produtos da pesca costeira artesanal da Ría de Pontevedra ou un proxecto de cicloturismo.

Nos proxectos non produtivos, saíron adiante, entre outros, un documental que compila o patrimonio marítimo e pesqueiro, tanto material como inmaterial, da contorna da ría; a compra dun furgón refrixerado para transportar os produtos da pesca artesanal ata as persoas consumidoras, así como a adquisición e instalación de equipos para o control da trazabilidade.

Actividades no marco da EDLP

En relación ás actividades que o GALP executou para a dinamización e o seguimento da Estratexia de Desenvolvemento Local Participativo do territorio (EDLP), hai que destacar a súa participación no VI Congreso da Rede Española de Mulleres no Sector Pesqueiro, baixo o título Pola igualdade na Pesca, pois conta cunha gran representación de traballadoras do sector; e a promoción dunha nova edición do programa Remuda xeracional. Cal é o teu oficio?, un plan a través do cal a mocidade pode coñecer as múltiples saídas que ofrece o mundo do mar. Durante o último trimestre de 2019 realizáronse 24 obradoiros, chegando a máis de 900 alumnos e alumnas.

Tamén é interesante nomear a iniciativa Pescado artesanal, coa que se busca impulsar a comercialización das capturas que proveñen da pesca artesanal da ría, e o proxecto de educación ambiental Amar o mar, Ría de Pontevedra sen plásticos. Afondar no coñecemento, dirixido ao alumnado de 5º e 6º de primaria de colexios dos concellos que pertencen ao territorio do GALP.

Proxectos de cooperación

Coa máxima de traballar de forma colaborativa para poñer en valor a riqueza e as particularidades de cada zona pesqueira, o GALP Ría de Pontevedra continuou a desenvolver proxectos de cooperación con outros GALPs galegos.

A Ruta dos Faros é un destes proxectos, cuxo fin é a aposta polo turismo mariñeiro. O GALP Costa Sostible, o GALP A Mariña-Ortegal, o GALP Golfo Ártabro Norte, o GALP Costa da Morte, o GALP Ría de Arousa e o GALP Ría de Pontevedra executaron novas propostas para impulsar a súa dinamización a través de actividades como o sendeirismo e de propostas culturais, hostaleiras e de lecer.

En coordinación co GALP Ría de Arousa e o GALP Ría de Vigo-A Guarda tamén se continuou coa posta en marcha do proxecto Mar das Illas Atlánticas 3, deseñado para impulsar o turismo mariñeiro nas Rías Baixas no ámbito do Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas. Realizáronse tres accións diferentes: a formación en materia de turismo mariñeiro e sostibilidade, o Programa de Titorización de iniciativas turísticas e o deseño de protocolos de atención ao público, emprendemento e atención a persoas con diversidade funcional.

No 2019 tamén se continuou a traballar en rede con outros GALPs nos proxectos Mar de velas , centrado na creación dunha rede de mariñas e de navegación tradicional, e Morada Atlántica + Espazo Atlántico , pensado para a promoción dos valores diferenciais da gastronomía atlántica nos oitos territorios que abranguen os Grupos de Acción Local do Sector Pesqueiro galego.

Actividade durante a pandemia

Durante o estado de alarma, o GALP Ría de Pontevedra continúa a traballar adoptando as medidas especiais en materia de saúde pública acordadas o 12 de marzo polo Consello da Xunta de Galicia ante a evolución do Covid-19. Neste contexto, a entidade continúa coa tramitación das solicitudes de axuda deste ano dentro das posibilidades do estado de alarma, o que supón unha garantía para as persoas promotoras xa que os prazos se deteñen para que poidan completar a súa documentación.

Ao peche da primeira convocatoria de axudas para o 2020, O GALP recibiu 22 solicitudes a proxectos da contorna da ría de Pontevedra. Nove para proxectos produtivos e trece para non produtivos. Para máis información as persoas promotoras poden chamar ao 886 213 015 ou enviar un correo electrónico a gacpontevedra@gmail.com.

Así mesmo, continúa traballando nas iniciativas de proxectos de cooperación xunto a outros GALPs, unha experiencia para ampliar as perspectivas locais mellorando as estratexias do territorio e traendo novos coñecementos á zona de actuación.

Nesta datas, o GALP tamén quixo solidarizarse con toda a cadea de valor do sector pesqueiros, desde pescadores e marisqueiras ata a distribución final. Fíxoo cunha serie de reportaxes de actualidade sobre o impacto do estado de alarma no desenvolvemento da actividade laboral dos profesionais que viven do mar. Así mesmo, a entidade utiliza as súas redes sociais para animar ás persoas consumidoras a apostar polo produto fresco e de temporada.