Sorry, you need to enable JavaScript to visit this website.

O proxecto Mar de Velas debate sobre as liñas estratéxicas do deseño de Mariñas Tradicionais

 

Onte xoves 27 de setembro as dependencias de Exposalnés, en Cambados, foron testemuña dun encontro a prol da protección e conservación do patrimonio marítimo vencellado ás embarcacións tradicionais de Galicia. Encontro que se produciu no marco do Proxecto Mar de Velas, iniciativa impulsada polos grupos de acción costeira Costa Sostible, Ría de Arousa, Ría de Pontevedra e Golfo Ártabro-Sur, e que consistiu nun Taller de traballo no que participaron os distintos colectivos que custodian e traballan por asegurar a conservación das embarcacións tradicionais en Galicia e que se atopan integrados na Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial (Culturmar).

A sesión, inaugurada por doña Manuela Oviedo, xerente do GALP Costa Sostible, e por don José Luis Sacau, secretario de Culturmar, deu lugar a un espazo de debate no que foron os propios colectivos, mediados polos técnicos que están a traballar no proxecto, os que se poñían de acordo sobre as súas fortalezas e oportunidades, así como das propias debilidades e ameazas que están a pór en perigo a posta en valor do patrimonio ligado ao mundo das embarcacións tradicionais, así como do coñecemento que dá sustento as mesmas, como son as técnicas dos mestres de carpintaría de ribeira e demais aspectos culturais asociados co mar. Presentouse tamén o primeiro informe do proxecto que consiste nunha Diagnose de partida feita a partires de información recollida en campo cos propios colectivos sociais.

Este taller supuxo un paso fundamental no avance do proxecto, permitindo a validación da información e definindo as liñas estratéxicas prioritarias a traballar e como o funcionamento de Mariñas Tradicionais pode contribuír ao desenvolvemento destas liñas e ao alcance do obxectivo último do proxecto que non é outro que o de asegurar a conservación e posta en valor das embarcacións tradicionais, como elementos culturais e de identidade do pobo galego.