
Este xoves 23 de maio celebrouse unha reunión de coordinación entre o GALP Ría de Arousa e a Asociación de Mulleres do Mar de Arousa. A xuntanza tivo lugar no recinto FEXDEGA, e serviu para facer unha primeira toma de contacto na que se lle presentaron a seis representantes da Asociación os obxectivos principais deste proxecto, que pretende visibilizar o papel das mulleres que desenvolven a súa actividade profesional no sector pesqueiro.
Mediante o coñecemento de información preténdese obter unha fotografía da situación actual das mulleres do mar do territorio que abrangue o GALP Ría de Arousa, centrado en 3 ámbitos principais: os aspectos relativos á participación das mulleres nos procesos produtivos, as condicións económicas polo desempeño deste traballo, e as implicacións no ámbito social destas profesións.
A través do estudo achegarémonos a diversos colectivos de mulleres do sector pesqueiro (mariscadoras, bateeiras, conserveiras, percebeiras, armadoras, etc), para dinamizar espazos de traballo conxunto e fomentar o asociacionismo entre as mulleres do sector.
Cara ao final do proxecto se celebrará unha presentación conxunta, onde se expoñerán os principais resultados do estudo. Estes datos permitirán visibilizar a situación das mulleres no sector pesqueiro do territorio, poñéndoo en valor.

