Sorry, you need to enable JavaScript to visit this website.

Campaña apoderamento de Mulleres do Mar de Arousa

Campaña empoderamento Mulleres do Mar de Arousa

O GALP Ría de Arousa formará a mulleres do mar no eido dixital para achegarlles novas ferramentas de traballo

 

  • As primeiras tres xornadas formativas realizaranse, de forma presencial, durante o mes de xullo, ás que seguirán outras sesións de divulgación en setembro.

Vilagarcía de Arousa, 22 de xuño de 2020.- O GALP Ría de Arousa realizará diversas xornadas de formación destinadas a mulleres do mar da Arousa (que representan o 40% das mulleres neste sector en Galicia), co obxectivo de continuar impulsando o seu apoderamento en diversas áreas. Un dos eixes nos que se centrarán estas sesións será o ámbito dixital, que tanto protagonismo adquiriu no contexto da pandemia da covid-19.

Neste sentido, o GALP celebrará en xullo tres xornadas formativas, que se iniciarán o  día 7  poñendo o foco sobre as habilidades dixitais. A través da práctica, as mulleres participantes aprenderán a manexar programas en diversos dispositivos electrónicos, para organizar e programar reunións a distancia (como as plataformas de videoconferencia Zoom, Jit.si, Google Hangout, Skype...), coa idea de que poidan trasladar estas ferramentas aos seus espazos de traballo e  coordinación (reunións nas Confrarías, das Agrupacións, ou das Asociacións). Mediante esta formación práctica, aproveitarase tamén para detectar necesidades formativas dos colectivos de mulleres.

Ademais, deberanse ter en conta cuestións prácticas de obrigado cumprimento para conter os efectos da covid-19, xerando unha breve guía que lles resulte útil para os seus espazos de participación (follas de asistencia, preparar os espazos para responder ás distancias de seguridade, pautas para compartir espazos de forma segura, etc). A sesión levarase a cabo en Vilanova de Arousa, no Pazo Vista Real (aproveitando a aula CeMIT).

Posteriormente, nos días 14 e 21 de xullo, terá lugar outras dúas xornadas, sobre a aprendizaxe de metodoloxías de traballo en equipo e habilidades sociais e sobre as habilidades de liderado e apoderamento das mulleres do mar, respectivamente.

Retorno en setembro con sesións de divulgación

Á parte destas tres xuntanzas de mulleres abordando habilidades de interese para o desenvolvemento da súa actividade laboral, o GALP tamén ten previsto realizar en setembro dúas xornadas de divulgación con mulleres expertas en relación con dous temas recorrentes entre as preocupacións das mulleres do mar.

O 8 de setembro celebraríase a xornada “Os dereitos do traballo e a seguridade social no mar”, que contaría co relatorio dunha persoa experta no tema (Réxime do mar con perspectiva de xénero, ISM…) e coa participación das mulleres do mar. Previsiblemente, o 22 dese mesmo mes, levaríase a cabo outra sesión, “A saúde laboral das mulleres nas profesións do mar”, na que intervirá unha persoa experta neste campo (profesionais sanitarias ou do ISSGA).

Xa en outubro, previsto para o día 6, será o peche final no Auditorio de Vilagarcía de Arousa, cunha xornada de conclusións deste programa, no que poñer en común as aprendizaxes adquiridas.

Persoas destinatarias do programa

A participación no proxecto está enfocada ás mulleres do sector pesqueiro, en xeral, tanto socias do GALP como novos públicos, procurando activamente a incorporación de perfís profesionais diversos (mulleres no sector das conservas, praceiras, armadoras, mariñeiras, redeiras, etc.).