Sorry, you need to enable JavaScript to visit this website.

Expertas en saúde analizaron en Boiro, no marco de “O Sal do Mar”, como os ciclos biolóxicos afectan á actividade profesional das mulleres do mar

GALP 5 O Sal do Mar ciclos bioloxicos 1

 

O Centro Social de Escarabote, en Boiro, acolleu a cuarta xornada que organiza o GALP Ría de Arousa no marco do programa O Sal do Mar, na que se analizou como os ciclos biolóxicos das mulleres lles afectan na súa dinámica profesional. A xornada contou coa benvida de M.ª Luisa Outeiral, concelleira de feminismo e igualdade do Concello de Boiro, así como de Mª José Vales, presidenta do GALP.

Nesta sesión, á que asistiron arredor de 25 mulleres, contouse coa partipación de expertas en diversas áreas. As asistentes puideron conversar con Mª Paz Diéguez Montes, subdirectora da Escola Universitaria de enfermería da Universidade de Vigo, e Dolores García Rodríguez, matrona no Servizo Galego de Saúde, que tamén contaron coa colaboración dunha especialista en saúde mental.

GALP 5 O Sal do Mar ciclos bioloxicos 2

Un momento da xornada en Boiro

Coas tres puideron falar e expoñer as súas inquedanzas sobre os ciclos biolóxicos que acompañan ás mulleres ao longo da súa vida: a menstruación e a menopausia, comprendendo a bioloxía arredor destes procesos; e tamén algúns métodos que poden contribuír a minimizar os problemas ocasionados por estes ciclos. Así mesmo, abordaron o tema dos embarazos no marco dos dereitos das mulleres, é dicir, os dereitos que teñen á saúde, á información, e a unha sexualidade sana.

Ademais de trasladar as súas inquedanzas, as mulleres asistentes aproveitaron a ocasión para compartir dúbidas, experiencias propias e contrastar mitos e tabús a respecto destes temas.

Xornada final

A sesión do 28 de xullo pechará este ciclo de conversas que, despois do verán, o 22 de setembro ás 18:00 h, celebrará, no Auditorio de Vilagarcía de Arousa, unha xornada final, na que se poñerán en valor as conclusións das xornadas anteriores, e establecerase un debate no que comezar a recoller os retos e as liñas mestras das accións de igualdade que pode incorporar o GALP Ría de Arousa no seguinte período.