Sorry, you need to enable JavaScript to visit this website.

O encontro final do programa O Sal do Mar reforza o asociacionismo das mulleres para avanzar no sector

Mulleres do sector do mar asistiron este 29 de xuño ao encontro final do programa O Sal do Mar, que a longo de varios meses desenvolveu xornadas sobre a saúde sexual, o benestar psicolóxico e as habilidades dixitais das mulleres do sector do mar.

Este evento final serviu para outorgar un espazo central ás asociacións de mulleres do mar, poñendo en valor o asociacionismo como medio para conseguir avances no sector. A xornada contou coa participación de 35 mulleres, que se achegaron ata o Centro de Desenvolvemento Local en Vilanova de Arousa para facer balance e reforzar a unión conseguida ao longo do programa. Mariscadoras a pé, mariscadoras a flote, redeiras, bateeiras, directoras de cooperativas mexilloeiras, patroas maiores e presidentas das agrupacións de marisqueo son os perfís destas mulleres do mar, que foron acadando melloras e avances en igualdade, visibilidade e recoñecemento.

Desenvolvemento da xornada

Mª José Vales Martínez, presidenta do Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro e Patroa Maior da Confraría de Vilanova de Arousa, abriu a xornada e Rosa Carballo Martínez, xerente do GALP Ría de Arousa, deu a benvida ás asistentes. A xerente puxo en valor o percorrido deste grupo en apoio á promoción da igualdade, acompañando no proceso dende a profesionalización nos anos 90, ata os estudos realizados para coñecer as necesidades das traballadoras. Así mesmo, incidiuse na diversidade de perfís que recollen as asociacións, sendo entidades abertas ás distintas profesións nas que se desenvolven as mulleres do mar. Por último, instou ás asistentes a participar da elaboración das estratexias de desenvolvemento local participativo (EDLP), que terán lugar ao longo destes meses.

Pola súa parte, Susana Rodríguez Carballo, Directora Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, deu a apertura institucional ao encontro e puxo en valor a boa marcha do programa executado por este territorio, así como o seu apoio decidido á promoción da igualdade entre homes e mulleres do sector pesqueiro.

Este encontro final de O Sal do Mar acolleu a mesa redonda “Avanzar compartindo”, que tiña como obxectivo poñer en valor as experiencias de asociacionismo das mulleres do mar. Rita Miguez de la Iglesia (ANMUPESCA), Verónica Veres Tasende (O Peirao, Federación de redeiras artesás), e Dolores Gómez Ordóñez (Mulleres Salgadas), compartiron a súa experiencia e abordaron o momento actual no que se atopan as tres entidades así como as liñas nas que están traballando. Ademais, debateuse sobre os acordos finais acadados no 7º Congreso Nacional de la Red Española de Mujeres en el Sector Pesquero, sobre as vías de financiamento das entidades e as actividades desenvoltas ao longo destes últimos anos (habilidades dixitais, campañas contra o furtivismo, acompañamento en procesos de baixas laborais, participación en reunións de coordinación, etc).

Para rematar a xornada, o GALP Ría de Arousa preguntoulles ás asistentas por intereses e necesidades das mulleres para vindeiros programas de animación, entre os que destacaron temas como continuar coas habilidades dixitais, nutrición, entender o proceso a seguir cando é preciso coller unha baixa médica, poesía e expresión artística, asertividade e prevención postural.

Finalmente, o encontro rematou cunha degustación de produto mariñeiro a cargo de GastroLab Arousa, onde as mulleres do mar puideron fortalecer os seus lazos e continuar construíndo rede.