Sorry, you need to enable JavaScript to visit this website.

O Galp Ría de Arousa logra situar 4 proxectos entre os finalistas aos Premios da Economía Azul

 

O GALP Ría de Arousa sacou músculo nesta primeira edición dos PREMIOS ECONOMÍA AZUL, logrando colocar catro dos seus proxectos entre os finalistas que optan a recibir o galardóns, dirixidos aos promotores de proxectos subvencionados ao abeiro das estratexias de desenvolvemento local participativo dos grupos de acción local do sector pesqueiro. A través deles, a Consellería do Mar busca visibilizar o traballo dos GALP e motivar a potenciais promotores para que presenten proxectos. As categorías que se convocan son: apoio á pesca costeira artesanal, creación de emprego no sector pesqueiro e marítimo, diversificación e desenvolvemento social e innovación local. As iniciativas do GALP 5 seleccionadas como finalistas foron:

XESMAR (Finalista na categoría de APOIO Á PESCA COSTEIRA ARTESANAL). Unha aplicación accesible a través de internet dende cada terminal móbil ou equipo de escritorio, a través da cal mariscadoras e mariscadores estarán informados das noticias e novidades de interese (tempo,  mareas,  etc.); así  como a posibilidade de  acceder  á  parte  privada para consultar información dos traballos de marisqueo asignados. https://xesmar.es/As confrarías/agrupacións interesadas na súa implantación  poderán  solicitar  a  adhesión  ao  servizo  na   modalidade  de  Software  como  Servizo. Antes da posta en marcha formarase ao colectivo na utilización de ferramenta e no uso das novas tecnoloxías. Este proxecto foi finalista nos premios ‘Vodafone Connecting for Good Galicia’ convocados pola Fundación Vodafone España de apoio a emprendedores e PEMES de recente creación, cuxos proxectos de negocio contribúen á innovación social a través do impulso e uso das tecnoloxías da información e comunicación en Galicia. 

LONXANATUR (Finalista na categoría de DIVERSIFICACIÓN E DESENVOLVEMENTO SOCIAL). Un proxecto promovido desde a Confraría de O Grove, que quere aproveitar a gran cantidade de turistas na localidade para ofertarlles unha ”Lonxa visitable”. acondicionando a lonxa existente de forma que a parte superior sirva de escaparate para que estes visitantes podan ser testigos do traballo na lonxa sen dificultar o proceso de comercialización. Tamén están incluídos no proxecto ciclos divulgativos como “Os produtos do Mar”, Os oficios do Mar e o papel da Muller”, “Diversifica Mar”.

EMPRENDEMAR (Finalista na categoría de CREACIÓN DE EMPREGO). É un programa desenvolvido conxuntamente polo Concello e pola Confraría de Cambados para activar o emprego na zona desenvolvendo actividades complementarias ao sector pesqueiro como o turismo mariñeiro. O programa está dirixido á xente moza e ás mulleres. Dende o Viveiro de Empresas asesóraselles e dáselles foramción para que podan emprender tendo en conta as as fortalezas do territorio e as demandas non cubertas na zona.

Mellora da Gobernanza da Xestión Pesqueira Artesanal no ámbito do Parque Nacional das Illas Atlánticas (Finalista na categoría de APOIO Á PESCA COSTEIRA ARTESANAL). Un proxecto de cooperación no que o Galp Ría de Arousa colabora cos GALPs de Pontevedra e Vigo para promover a través de cinco confrarías de pescadores (Aguiño, O Grove, Portonovo, Bueu e Cangas) a mellora da pesca artesanal nas augas da contorna do Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia. A través de procesos participativos e de colaboración vaise poñer en valor o papel dos pescadores artesanais como custodios do medio mariño, velando pola conservación do medio no que se desenvolven as pesquerías tradicionais nas augas do PN, e mantendo o acervo cultural tradicional pesqueiro e marisqueiro do ámbito das tres rías para favorecer o relevo xeracional e a mellora da calidade de vida das familias pescadoras e do entorno no que se enmarca o proxecto.

O certame foi presentado a semana pasada pola directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez, que explicou que os proxectos finalistas foron seleccionados por unha comisión da Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, aplicando criterios determinados polos beneficios que os proxectos son capaces de xerar para o sector pesqueiro. É dicir, pola súa contribución á creación de emprego nas zonas pesqueiras, ao reforzo da identidade, á cultura e ao patrimonio local da zona pesqueira. Tamén polos elementos innovadores no contexto local e a creación de oportunidades para mulleres e mozos/as no sector pesqueiro ou marítimo.

Os gañadores serán escollidos mediante unha votación pública na que, a partir de hoxe 2 de outubro, poderá participar quen o desexe a través da páxina web https://galp.xunta.gal/. Cada persoa poderá votar a un proxecto dos finalistas en cada unha das 4 categorías ata o 22 de outubro e en cada categoría premiarase o proxecto que reciba máis votos.  Os premiados anunciaranse o día 27 de outubro, nunha gala que se celebrará na Cidade da Cultura. Os galardóns non teñen dotación económica, pero supoñen un recoñecemento público para os proxectos destacados en cada unha das categorías.