Sorry, you need to enable JavaScript to visit this website.

O programa “O Sal do Mar” presenta en Cambados accións en marcha sobre economía circular e serve para xerar novas alianzas

GALP Ría de Arousa Programa O Sal do Mar 2021 xornada economia circular 21 xullo

 

A economía circular centrou a xornada que o GALP Ría de Arousa, no marco do programa O Sal do Mar, celebrou na Confraría de Cambados. Neste encontro, que contou na súa apertura coa asistencia da alcaldesa de Cambados, Fátima Abal, quedou patente a relevancia de sensibilizar ás persoas vinculadas co mar sobre a conciencia medioambiental e, especialmente, a importancia de non tirar nada ao mar nin á terra, porque todo forma parte do mesmo ciclo.

Na xornada evidenciouse que cada territorio da Arousa está desenvolvendo accións de coidado do medio ambiente, como a recollida de lixo mariño ou a súa clasificación.

A sesión tamén presentou dúas iniciativas promovidas por institucións e entidades da Ría de Arousa, nas que as mulleres son o motor para a súa posta en marcha. Unha delas é o proxecto Tanza, no que colaboran a cooperativa mexilloeira Amegrove, o Concello do Grove e a Asociación Bata, e que será un proxecto referente da economía circular na zona do Salnés.

Presentación proxecto Tanza na xornada de economía circular

Presentación do proxecto Tanza

Tras expoñer en que consiste o proxecto Tanza, as persoas asistentes sentiron moito interese xa que, con esta iniciativa, é posible seguir a pista ao lixo recollido ata que se transforma e se lle dá unha segunda vida. Na presentación estiveron persoas representantes de varios concellos (O Grove, A Illa, Cambados, Vilanova, A Pobra do Caramiñal, Rianxo e Vilagarcía de Arousa).

Posteriormente, as persoas asistentes puideron coñecer de primeira man o programa Mar Limpo, promovido pola Confraría de Vilanova de Arousa. O seu obxectivo é reducir o lixo mariño e, entre as accións realizadas, está a edición dunha guía de boas prácticas que se pode aplicar para coidar do noso medio, en especial, do mar. Esta guía está dirixida tanto so sector pesqueiro como á cidadanía.

Presentación programa Mar Limpo na xornada de economía circular

Presentación do programa Mar Limpo

Á parte da exposición destes proxectos, o encontro realizado en Cambados, que foi moi colaborativo, serviu para establecer alianzas e colaboracións entre entidades e profesionais participantes.

Próximas citas

No marco desta campaña, que este ano se denomina O Sal do Mar. Avanzar compartindo, celébranse catro xornadas nas que as mulleres deste ámbito son as protagonistas: elas mesmas, co apoio do GALP, falan das experiencias profesionais e das iniciativas que foron desenvolvendo nos últimos tempos, de aí o lema desta edición “Avanzar compartindo”. A próxima e derradeira xornada será o próximo 28 de xullo, de 18:00 a 19:30 h e leva por título A bioloxía das mulleres: problemáticas e solucións dos nosos ciclos biolóxicos no desempeño profesional. Terá lugar no Centro Social de Escarabote (Boiro).

Despois do verán, o 22 de setembro ás 18:00 h, terá lugar, no Auditorio de Vilagarcía de Arousa, unha xornada final, na que se poñerán en valor as conclusións das xornadas anteriores, e establecerase un debate no que comezar a recoller os retos e as liñas mestras das accións de igualdade que pode incorporar o GALP Ría de Arousa no seguinte período.

Se es unha muller de mar e tes interese en participar nesta xornada, podes poñerte en contacto con nós no correo electrónico dinamizacionmulleresarousa@gmail.com ou no teléfono 627 096 062.