Sorry, you need to enable JavaScript to visit this website.

“Os galegos son os que mellor traballan o mexillón, son un orgullo para o sector do mar”

Raquel Lorenzo, propietaria de R de Lorenzo Cordelería

Raquel Lorenzo, propietaria de R de Lorenzo Cordelería.

 

En que consiste a actividade da vosa empresa?

Traballamos para a subministración de material para a acuicultura. Fabricamos desde as cordas para a produción de mexillón, as redes para a cría, as cadeas para as bateas e ata os colectores para recoller a cría na batea. Todos os nosos produtos reciclan aparellos de pesca, dámoslle unha segunda vida, excepto o algodón, que é materia prima nova. Estamos moi comprometidos coa economía circular, é algo que se fai na empresa desde sempre, co que meu pai estaba moi sensibilizado.

Onde está a vosa sede operativa?

Está no Porto de Vilagarcía de Arousa, onde temos unha nave. Na parte traseira ten unha rampla na que os barcos cargan mercadoría.

Os vosos clientes directos son, sobre todo, profesionais?

Si, todo profesional, desde profesionais e empresas das rías galegas ata os atuneiros do Pacífico.

Cantas persoas traballan na empresa?

Na empresa agora mesmo somos 14 persoas.

Como afrontades a situación provocada pola Covid-19?

Perfectamente, non deixamos de traballar ningún día, porque somos unha actividade esencial. No seu día, debatemos entre todo o equipo como afrontar a actividade e eles votaron por mantela. E, afortunadamente, temos moito traballo porque estamos en campaña de cría. E hai gran demanda de corda para batea e vendemos moitísima rede de cría. Estamos a tres quendas e apertando o acelerador.

Ademais, agora coincide coa época de desova.

Efectivamente, o sector do mexillón está en desova e, por iso, impactoulles menos a pandemia da Covid-19. O que si lles afectou algo é o peche dos mercados italiano e francés, que son grandes demandantes de mexillón.

Por que é tan importante consumir produtos do mar? Que aspectos destacarías?

Somos a segunda potencia do mundo na produción de mexillón e logrouse en poucas xeracións. A galega é a xente que mellor sabe traballar o mexillón, a mellor. É un orgullo para o sector do mar. Ademais de contar con grandes profesionais, o mexillón é un produto moi accesible no mercado e que ten moitísima proteína e que é moi bo para a saúde. En Francia son conscientes diso e en todas as terrazas hai tapas de mexillóns con patacas fritas. En canto a prezo e proteínas é unha pasada. Debemos darlle aínda máis valor. É un sector incrible. E teñen moito apoio institucional.