Sorry, you need to enable JavaScript to visit this website.

Un estudo publicado polo GALP Ría de Arousa con motivo do Día da Muller revela datos clave sobre a situación laboral das mulleres do mar

 

O GALP Ría de Arousa publica, con motivo do Día da Muller, un estudo que revela datos clave sobre a situación laboral das mulleres que traballan no sector do mar na ría. O informe, que foi elaborado a partir de datos oficiais e coa estreita colaboración da Asociación Mulleres do Mar da Arousa, supón unha importante aproximación ao territorio de Galicia con maior peso na ocupación feminina neste sector.

O informe, titulado Aproximación á situación profesional das mulleres do mar da Ría de Arousa, enmarcado na campaña Mulleres da Arousa. O sal do mar, destaca que a presenza feminina no sector do mar na ría de Arousa varía en función de factores como o tipo de actividade ou condicionantes persoais, como poden ser a necesidade de conciliación ou encargarse de coidados persoais de familiares.

O obxectivo da campaña é visibilizar o labor fundamental que desenvolven as mulleres mariñeiras, e facilitarlles o acceso a postos de responsabilidade dentro dos órganos de goberno das empresas e entidades do sector. Para isto, o GALP desenvolverá un programa de actividades formativas en distintos eidos, que coinciden coas demandas que as propias traballadoras sinalaron nas reunións mantidas dentro do marco de traballo da Asociación Mulleres do Mar de Arousa.

O GALP destaca no informe a relevancia dos seus datos e conclusións, xustificándoos no feito de que a ría de Arousa é a máis grande de Galicia e unha das de maior produción pesqueira, o que supón un gran impulso para a súa economía. E tamén para o emprego feminino. Concentra o 5,6% da poboación feminina da nosa comunidade, pero preto do 40% das traballadoras no mar.

Ferramentas para unha maior representatividade

Unha das cuestións clave que tivo moita relevancia no debate que se mantivo coas mulleres do mar durante a realizacion do estudo foi a necesidade dunha maior representación das mulleres nos postos de dirección e representación. Para cambiar esta situación, o GALP explica que cómpre facer maior énfase no reforzo e na promoción de mecanismos para que as mulleres se presenten a eses postos, así como dotarlles das ferramentas necesarias no marco da campaña Mulleres da Arousa. O sal do mar.

O documento sinala que continúan existindo actividades cunha alta concentración masculina (por exemplo, a pesca mariña, onde o 72,3% son homes), mentres que outras actividades son eminentemente femininas (o marisqueo a pé ou a fabricación de conservas, co 84,8% e o 55,2% de mulleres, respectivamente).

Porén, as conclusións do informe falan dun camiño cara unha maior igualdade no desempeño de tarefas. Así, a evolución nos últimos cinco anos tende a mesturar cada vez máis a homes e mulleres nas distintas actividades, se ben elas acceden a estes novos espazos de traballo en menor cantidade que eles.

Por exemplo, produciuse un incremento do 3,5% de mulleres na pesca mariña desde 2014, mentres que os homes reduciron a súa presenza nun 2,7%. No comercio polo miúdo de peixe e marisco, unha actividade cunha cota feminina do 70%, rexistrou unha crecemento de afiliacións de homes dun 20%, en contraste cunha caída do 16,9% no caso das mulleres. Outros ámbitos. Como a fabricación de conservas de peixe, experimentaron nos últimos anos unha maior incorporación de homes que de mulleres.

Por outra banda, ponse de manifesto que os prexuízos de xénero (os homes traballan no mar, as mulleres na terra), seguen a ter un efecto nas actividades laborais que cada persoa desenvolve pero, afortunadamente, cada vez máis as persoas elixen en que actividade profesional desenvolverse con independencia do seu sexo, como é o caso dos traballos en embarcacións, onde a proporción de mulleres (1.865) e homes (1.880) é practicamente idéntica.

Diferenzas por concellos

A pesar das diferenzas por actividades e de que non hai unha igualdade plena na elección e acceso aos distintos oficios, no conxunto dos territorios da Ría de Arousa, as mulleres supoñen o 46,8% sobre o total de afiliacións ao sector pesqueiro, porcentaxe algo maior que no caso autonómico, situado no 41%. Segundo destaca o informe, este dato é positivo, xa que reflicte que os traballos no mar ocupan a homes e a mulleres en números similares.

Se atendemos á localización xeográfica, os concellos da Illa de Arousa (cunha porcentaxe de 38,9% mulleres no sector) ou Rianxo (onde elas supoñen o 32,3%), amosan unha alta concentración masculina. Porén, noutros concellos a tendencia é a oposta: en Catoira e Ribadumia, as mulleres supoñen o 72,8% e o 60,8%, respectivamente.

Estas diferencias na dedicación a actividades profesionais no mar teñen un marcado carácter de xénero: nos territorios de Catoira e Ribadumia o tecido empresarial está focalizado na transformación de produtos, polo que a profesionalización de mulleres é prominente. Pola súa banda, na Illa de Arousa ou Rianxo as actividades produtivas e extractivas lévanse a cabo a bordo de embarcacións, nas que a presenza de mulleres é menor.

No resto dos concellos da zona da Ría de Arousa a cantidade de mulleres e homes traballando no mar é igualitaria (a porcentaxe sitúase arredor do 50%), superando na maioría de concellos o número de mulleres ao número de homes afiliados.

Avances nas condicións laborais

A visión das propias mulleres sobre as condicións laborais nos distintos ámbitos de traballo dos que participan é, en xeral, de mellora en todos os ámbitos: as mulleres están a conseguir maior visibilidade e recoñecemento, conquistando espazos de desenvolvemento profesional que tradicionalmente eran pouco accesibles por ser considerados masculinos.

O informe tamén indica que se perciben avances con respecto ao recoñecemento das enfermidades profesionais, así como na profesionalización das persoas que desenvolven os traballos. Por outro lado, a conciliación da vida familiar e laboral identifícase como un dos aspectos que maior impacto ten sobre a vida laboral. Neste sentido, o estudo considera que é necesaria unha maior implicación masculina para acadar a igualdade sobre os coidados.