
María José Cacabelos, mariscadora e portavoz de Guimatur.
A crise provocada polo Covid-19 é complicada para o sector do marisqueo, que leva parado varias semanas. A actividade segue parada ou xa se iniciou timidamente estes días?
Comezamos a traballar esta semana e entre hoxe e mañá iremos de marisqueo a flote. E esperamos instrucións para as vindeiras xornadas.
Pódese dicir que estes días son unha primera toma de contacto para a volta á normalidade?
Estamos regresando para ver como responden os mercados. Estamos indo con moi pouco tope, pero non temos nada seguro e este mes hai que cotizar á Seguridade Social, que son 240 euros e nós ganamos 100 euros este mes. E os gastos son moitos.
Como se xestionan as medidas de seguridade?
Estamos mantendo as normas de seguridade establecidas. Para entrar á lonxa imos con máscara e guantes e co distanciamento indicado polas autoridades sanitarias. No caso do traballo ao aire libre non hai problema porque é máis doado manter as distancias. No que si temos que ter máis coidado é no momento da pesada do marisco na lonxa, no que establecemos quendas para coincidir menos mariscadoras ao mesmo tempo.
No caso do marisqueo desde embarcación seguramente é máis complicado.
Efectivamente, aí é máis difícil, porque soen ir como mínimo dúas persoas por embarcación e os espazos non son amplos.
E a demanda aínda ten percorrido para volver a como estaba antes, non?
Claro. Por exemplo, a ameixa xapónica vendíase antes a entre 13 e 14 euros o quilo e agora non supera o intervalo de 9-10 euros. A maior parte dela, a nove euros. A ameixa fina situábase entre 30 e 40 euros e nestes momentos apenas supera os 25 euros. Á parte, se antes capturabas un quilo, agora é a metade. Ademais, o marisco grande é o que máis ingresos achega e vendíase ao sector da restauración, que continúa pechado. Os ingresos, aínda que vaiamos traballar, descenderon moito e, polo menos, esperamos que cheguen para cotizar á Seguridade Social e facer fronte a algún gasto pequeno.
Como está a posible distribución das axudas?
De momento non chegaron. A ver se se conseguen porque os descensos de ingresos foron elevados e en mes e medio estivemos paradas. Pero hai que apañar co que temos agora e nunha familia con dúas persoas vivindo do mar é complicado chegar a fin de mes. A situación é complicada para todos os sectores e a economía, ao final, é unha cadea.
O que si está claro é que a solucion virá da colaboración de todos.
Hai que facer todo o posible porque todos esteamos unidos e axudemos na medida das nosas posibilidades para saír desta situación. Estamos todos no mesmo barco.
Xa para rematar: por que é tan importante poñer en valor o traballo da xente do mar?
Ademais de defender o marisqueo como unha actividade económica, de gran relevancia para a economía local, desde Guimatur facemos turismo mariñeiro, que serve para visibilizar o noso labor, sobre todo o da muller, que parecía invisible no sector. É importante poñer en valor a nosa cultura e tradición respecto do mundo do mar, o que se foi mellorando e conseguindo, facer control sobre a extracción. Facer ver á xente moza que todo o que se poida organizar vai redundar en beneficio do seu traballo. Tamén poñemos en valor os nosos recursos e ver a gran variedade de mariscos que manexamos. E que vexan que o medio ambiente é algo imprescindible para todos nós. E que o marisqueo é unha actividade ecónomica que se pode desenvolver como calquera profesión.

