Sorry, you need to enable JavaScript to visit this website.

Conversamos con Catalina González Bea sobre as redeiras

Recentemente, o Galp Ría de Pontevedra promoveu unha actividade formativa sobre a reciclaxe de redes de pesca como material de partida para a elaboración de traballos de artesanía. Esta acción enmárcase na liña de traballo desta entidade de achegar formación co obxectivo de xerar capacidades no territorio para o desenvolvemento de proxectos. Neste caso, dado o interese manifestado pola Asociación de Mulleres Virxe do Porto de recuperar a cultura mariñeira derivada do traballo coas redes de pesca, facilitouse esta actividade que foi impartida por Catalina González Bea. Tras o curso falamos con ela para coñecer mellor o seu traballo, a actividade das redeiras, e o aproveitamento que as persoas participantes fixeron desta formación.

Catalina González Bea dedícase a elaborar e reparar as redes de pesca, concretamente de cerco e de enmalle. A súa profesión vénlle de familia. “Nacín no medio das redes. A miña nai era redeira, a miña abuela, meu pai tiña barco… Na casa, o baixo da casa estaba dedicado a un atador de redes con encascador. Ou sexa, toda a vida. Desde nena sempre estiven inmersa niso, aprendín a linguaxe que ten que ver co mar e coas redes, é a miña linguaxe materna. Todo o que ten que ver con aparellos, con nós, con panos, aprendino antes que camiñar”.

As redes, un mar de posibilidades

É evidente a paixón que sinte Catalina polo seu oficio: “É moi satisfactorio, a min encántame porque realmente é un labor moi gratificante”.

“Cada vez que teño oportunidade explico como é este oficio e que cantidade de cousas se poden facer con respecto a el. Sobre todo, darlle unha segunda vida ás redes coas que traballamos. Unha vez que xa foron ao mar e que xa cumpriron a súa función, pódense reciclar e recuperar para facer outro tipo de utensilios cotiáns como bolsos, cadeiras, hamacas… Pódense facer mil cousas con elas”. “Todo o que che veña á mente que leve calquera cuestión téxtil se pode facer con redes. Ademais, a materia fundamental das redes é o nailon, polo tanto, son moi fáciles de lavar e de acondicionar para poder volver a utilizar”, conta Catalina.

E foi sobre isto precisamente sobre o que se centrou o obradoiro ‘Artesanía con redes’ que levou a cabo coa Asociación de Mulleres Virxe do Porto. As participantes fixeron unha bolsa de redes reutilizada e ademais levaron material para facer outra. Porque non soamente reciclaron rede xa feita, tamén crearon malla nova. “Pódense facer moitas cousas facendo malla nova. Tendo fío, sabendo facer os nós, pódense facer infinidade de cousas”. A maiores, Catalina explica que se poden reutilizar os fíos de nailon de atadora e redeira para facer macramé, que se pode usar como elemento decorativo.

Redeiras e redeiros

Catalina comenta que a maioría das participantes no obradoiro eran fillas de redeiros, ou mulleres que estiveron casadas con redeiros, ou tiñan algún redeiro na familia. “Porque tradicionalmente hai moi poucos lugares onde o oficio de redeira sexa fundamentalmente feminino”, depende en parte, do tipo de redes, explica. “En Portonovo, por exemplo, ao cen por cen non hai redeiros homes. Pero si en Marín, que se traballa moito coa rede de arrastre, que son redes máis duras, coas que hai que contar con máis forza, hai moitos redeiros que se dedican a ese labor. E hai menos cerco. O labor de reparación e elaboración de redes de cerco si que está máis encamiñada ou enfocada á muller. Porque realmente son redes moito máis finas, coa malla moito máis pequena, onde non necesitas ter unhas mans moi grandes para poder ter axilidade á hora de traballar con esa malla tan pequeniña”.

Relevo xeracional

“Non hai un relevo xeracional porque, en primeiro lugar, o relevo xeracional que hai na pesca de baixura tampouco é moi grande. Canto menos demanda de redes haxa para novos barcos e para as artes de pesca de baixura, pois menos traballo para as redeiras, obviamente”, afirma Catalina.

Como parte do problema, apunta á inseguridade do traballo. “As persoas das novas xeracións buscan traballos moi estables. Este traballo é moi incerto porque dependes moito das avarías, de que rompan os aparellos no mar cos labores propios da pesca ou calquera cuestión que lle faga unha desfeita e que necesite que as redeiras vaian a traballar. E despois depende moito de se o armador decide facer unha rede nova ou reparar completamente unha que teña, que é o que che pode dar traballo unha serie de meses”.

A redeira asegura que en Portonovo “aínda hai bastantes redeiras na zona do cerco”, calcula que unha vintena de persoas. “Pero se estendemos ás redes de enmalle e á pesca de baixura, a pesca de menor calado, con redes moito máis pequenas, realmente ao mellor poden chegar ata a cen ou cerca delas”, engade.

“Pero se non se organiza dun xeito moi concreto e cunha maior seguridade, posiblemente esteamos diante da última xeración da redeiras. Porque eu son unha das máis novas, e teño 57, con iso dígoche todo. Quédannos dez anos de traballo, como moito”, avisa.

Protexer moito máis que un oficio

Catalina fala da importancia de poñer en valor o traballo de redeira. “É moi importante, é un sinal de identidade fundamental das nosas rías. É certo que se fan moitas accións para poñelo en valor, pero moitas veces son accións como mediáticas, de posta en coñecemento, pero que no van más alá”, lamenta.

“Ten que haber un traballo moito máis amplo en todos os sentidos, de divulgación, de formación, e sobre todo, de protección, porque é o noso sinal de identidade. E se iso se perde e non hai ninguén que o manteña e só van quedar catro museos con catro cousas expositivas, pois é unha pena. Porque é un potencial moi grande”, reivindica.

“É unha linguaxe propia, é un oficio que como calquera outro, ten a súa propia linguaxe, os seus propios materiais. Ten unha parte moi importante á hora de realizalo que é o propio corpo. Todas as funcións que fai todo o corpo da persoa teñen que ver, desde enganchar nos pés ata traballar coas mans, ata medir coas brazas. É un patrimonio moi importante que non se debería perder”. Nesta liña, Catalina considera que sería moi importante federarse, organizarse para defender o gremio, e máis concretamente a sección do cerco, aínda que admite as dificultades para conseguir que os grupos de redeiras se unan, cando menos en Portonovo, onde traballa a entrevistada.

A formación como unha alternativa

Cando lle preguntamos pola resposta das participantes ante o obradoiro, Catalina considera que lles gustou moito. “[As participantes] expoñían que se podían facer cousas moi diversas, desde unha lámpada hasta un cesto da roupa, cousas moi concretas que elas tiñan en mente e que seria posible realizar”. De feito, comenta que quedaron con ganas de máis formacións na arte das redes.

Catalina tamén quedou con ganas de máis: “Foi moi gratificante. Paseino moi ben, desfruteino moitísimo.”

En canto a realizar máis talleres no futuro: “se hai algunha agrupación local que estea interesada en que os impartamos, nós encantadas, vamos, o noso traballo está a pé de peirao, pero unha vez á semana ou dúas, como somos varias compañeiras, sempre podemos realizar estes labores de formación. Se hai asociacións que o demandan e hai posibilidade de facelo, nós, sen problema, estariamos encantadas. Unha parte máis de diversificación, estamos acostumadas”.