Sorry, you need to enable JavaScript to visit this website.

Cristina Valdés, antropóloga e investigadora responsable do proxecto ‘Un mar en común’

O Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro da Ría de Pontevedra vén de poñer en marcha o proxecto colaborativo Un mar en común: A afouteza da xente do mar, no que tamén participan os GALP Ártabro Norte, Ártabro Sur e A Mariña-Ortegal. Conversamos con Cristina Valdésantropóloga e investigadora responsable desta iniciativa que está a desenvolver cun “interese persoal máximo” dado o seu gusto polo mar e o seu vínculo con Marín, vila na que reside. No proxecto tamén participa o antropólogo Miguel Alonso.

Que obxectivo persegue Un mar en común: A afouteza da xente do mar?

O obxectivo xeral é detectar as debilidades e fortalezas que existen nas relacións entre as asociacións e os GALP. Esa será a información a extraer, a relativa ao estado das relacións da comunidade, das confrarías, das asociacións ligadas á pesca e ao marisqueo cos Grupos de Acción Local do Sector Pesqueiro.

A investigación etnográfica será a responsable de artellar o plan de traballo, por que é de interese a súa aplicación neste proxecto?

Non só imos facer unha investigación etnográfica, senón que imos mesturar diferente metodoloxía da práctica antropolóxica, como é a da investigación cualitativa, etnográfica e as entrevistas semidirixidas en profundidade.

A etnográfica é de interese porque podemos observar, a través das impresións das propias persoas implicadas, o que acontece nas institucións.

O proxecto organízase en varias fases, en que consiste cada unha delas?

Na primeira fase farémoslles as entrevistas, que son anónimas, ás persoas de cada un dos GALP que mostren interese en participar. A información que xurda será utilizada con fins da investigación. Tratarase de datos, evidencias sobre a relación destas persoas co asociacionismo, coas institucións do GALP, das Consellerías ou da Xunta de Galicia. Deste xeito, conseguiremos ter unha visión clara de cal é a relación que existe entre as asociacións pertencentes a cada un dos GALP e poderemos levar a cabo a segunda fase, que consistirá na realización de cursos formativos.

En cada un dos GALP impartirase un curso formativo que supla as necesidades detectadas durante as entrevistas e, seguidamente, na terceira fase, celebraranse unhas reunións intersectoriais, nas que se xuntará a xente dos catro GALP participantes para facer unha posta en común. Por último, na cuarta fase, realizarase a memoria e a presentación do proxecto e da investigación e formularase un manual de boas prácticas.

Os cursos variarán dependendo das necesidades de cada GALP, con todo, pode que estean orientados cara á comunicación?

Penso, pero isto non o podo dicir con seguridade, que moitas das deficiencias que poden xurdir serán cara ás dificultades da comunicación vertical ou horizontal e neste sentido podería realizarse un curso de comunicación activa. Por outra banda, tamén poderían levarse a cabo cursos sobre como comunicarse coa Xunta de Galicia, traballar coas súas ferramentas ou páxina web.

Tedes estimado o tempo que levará desenvolver todo o proxecto?

O proxecto está totalmente temporizado, temos os prazos totalmente pechados. As entrevistas realizáronse esta fin de semana e os cursos impartiranse antes da ponte da Constitución. As reunións intersectoriais levaranse a cabo en febreiro e a presentación  dos resultados en xuño, ou sexa, que a entrega definitiva do proxecto será ese mes.

En relación ao propósito deste proxecto, de fortalecer o asociacionismo, como foi a acollida en iniciativas deste tipo que tedes levado a cabo antes?

Pois seguen en marcha, polo que a acollida foi boa. A dinamización dun barrio, dunha asociación lévase a cabo porque algo non está funcionando, se despois do traballo, esa área da cidade ou esa entidade están activas é que a dinamización foi ben.

Como sociedade, cústanos dar un paso adiante e ser máis activos?

A xente ten que ver resultados, é unha cuestión de confianza. Ten que verse reflexada nos proxectos, coñecer as formas de asociacionismo doutros lugares e ver que outras realidades son posibles. Aí é cando lles pica a curiosidade e se preguntan: “Se aquilo funciona alí por que non vai funcionar aquí?”.

Para as reunións intersectoriais, unha das propostas é mostrarlles aos participantes outras realidades, tanto aquelas impulsadas por nós como outras que están a funcionar noutras cidades de Galicia, España ou Europa.

Que lle diría ao sector social dos GALP para animalo a participar neste proxecto?

Este é un proxecto para os asociados dos GALP, eles son a base deste traballo e por iso solicito a súa colaboración. Nesta investigación a máxima é a opinión e a participación dos integrantes dos GALP, queremos saber o que eles cren que se pode mellorar e por onde se pode orientar esa mellora.

Gustaríame moito, ademais da participación dos representantes das asociacións, a implicación das persoas que forman as bases. Elas forman o tecido asociativo e poden darnos unha visión global de todo.