Sorry, you need to enable JavaScript to visit this website.

O GALP Ría de Pontevedra participa na Xornada Talento Azul para divulgar o proxecto Mar das Illas e animar á posta en marcha de novos proxectos

 

Baixo o lema ‘Compartindo experiencias para avanzar cara o crecemento sostible dos nosos territorios costeiros’, celebrouse este xoves en Cambados a Xornada Talento Azul, organizada polo Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro Ría de Arousa. O obxectivo deste evento era crear un punto de encontro no que os GALP galegos compartisen os proxectos máis destacados nos que están a traballar e as súas experiencias ao respecto. Mostraron todas as posibilidades que ofrecen este tipo de iniciativas para o desenvolvemento sostible das vilas costeiras e animaron á creación de novos proxectos ao abeiro da última convocatoria de axudas, aberta ata o 1 de marzo de 2021.

A apertura da xornada correu a cargo da presidenta do GALP Ría de Arousa, María José Vales, a alcaldesa de Cambados, Fátima Abal, e a directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez.

As intervencións dividíronse en tres bloques e foron moderadas por Rosa Carballo, xerente do GALP Ría de Arousa. O primeiro deles centrouse no valor engadido e nel participaron o GALP Golfo Ártabro Norte e o GALP Ría de Vigo – A Guarda. Analizouse o impacto da adquisición dun vehículo marisqueiro multifuncional, promovida pola Confraría de Pescadores de Mugardos, e do proxecto Polbo das Illas, consistente no acondicionamento dunha nave para a transformación de produtos pesqueiros da flota artesanal, liderado por Susións e Hijos S.L.

A segunda mesa xirou arredor das iniciativas vinculadas á diversificación, colaboración e gobernanza. O GALP Ría de Pontevedra debullou o contido e os resultados de Mar das Illas da man de Laura Nieto Zas, a xerente do grupo, e Teresa Ramos, unha das responsables da asistencia técnica. A finalidade deste proxecto, no que colaboran tamén os GALP Ría de Arousa e Ría de Vigo-A Guarda, é promover o turismo mariñeiro e a pescaturismo entre o colectivo de mariñeiras/os, mariscadoras/es e as súas familias nas Rías Baixas, especialmente no ámbito do Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas (PNMTIAG) a través da súa formación como guías Mariñeiro no ámbito do PNMTIAG.

Nas distintas fases do proxecto formáronse a profesionais do mar para realizar visitas guiadas nas que poidan mostrar o seu traballo e poñelo en valor, así como potenciar a calidade dos produtos do mar na contorna do Parque Nacional, transmitindo ao público o respecto ao mundo mariño e a necesidade de coidalo.

Pola súa banda, o GALP Costa Sostible explicou o deseño e o desenvolvemento dun Protocolo de Coxestión entre as confrarías de Ría Muros e Noia; un plan de traballo conxunto para xestionar unha zona de libre marisqueo na que a capacidade marisqueira e os recursos dispoñibles se equilibren.

No terceiro e último bloque abordáronse iniciativas de índole social, patrimonial e medioambiental. O GALP Árbabro Sur deu a coñecer o mobiliario de formigón reciclado que unha empresa de Cambre fabrica con cáscara de mexillón e o GALP A Mariña-Ortegal presentou a Aula do Mar, un proxecto promovido pola Asociación de Axuda ó Enfermo Mental A Mariña para a integración social de persoas con enfermidade mental crónica mediante a posta en valor do sector pesqueiro e o patrimonio costeiro da zona.

A asistencia á xornada Talento Azul estivo limitada a 60 persoas, por mor das restricións derivadas da Covid-19, e puido seguirse por streaming.