Sorry, you need to enable JavaScript to visit this website.

O mar achégase á escola

Montserrat Villar é profesora no IES Illa de Ons de Bueu, centro no que imparte lingua castelán a alumnos de Primeiro e Segundo da ESO. Como parte do corpo docente do IES foi unha das participantes das recentes Xornadas Abertas á Cidadanía organizada no marco do proxecto do GALP Ría de Pontevedra “Mar das Illas” que ten por obxecto a promoción das actividades de turismo mariñeiro. Villar tivo ocasión de percorrer Bueu da man de José Manuel Agulla impulsor do proxecto en Bueu, unha vila con alma mariñeira, onte, hoxe e oxalá que sempre. Con ela falamos para coñecer as súas impresións da experiencia como participante e docente.

Que lle pareceu a visita?
Moi interesante. Para min, que son moi curiosa e sempre tiven o mar presente aínda que son de Ourense, foi unha experiencia para coñecer a realidade do mar, algo que temos moi idealizado e do que somos moi ignorantes porque, por exemplo, comemos peixe e non sabemos como se pesca. Grazas a esta visita podemos introducirnos neste mundo.

Considera que ten interese para os alumnos/as?
Creo que si, outra cousa é lograr captar o seu interese. Mais eu creo que é unha visita esencial. Ademais, a paixón coa que o guía fixo a visita, a claridade expositiva, os exemplos que puxo... foi todo moi pedagóxico e logrou transmitir moitas cousas. Hai que valorar que unha persoa que non se dedica á docencia teña esa facilidade para contar e comunicar, porque é moi difícil.

Os mozos/as teñen coñecementos sobre o sector e a historia da vila ligada ao mesmo?
Moitos deles teñen familia mariñeira, pais e avós, pero non saben dar resposta a preguntas sobre ese mundo, non teñen coñecemento ningún sobre o sector, viven de costas a esa realidade. E sobre a historia da vila, pois pouco. Por exemplo, este ano faleilles de Torrente Ballester e non sabían quen era nin que vivira na vila.

Que lles pode aportar aos rapaces e rapazas o participar nesta actividade?
Para eles, o mar é un traballo que non paga a pena e temos que reeducar a esta xeración en que teñen unha opción tanxible preto, que lamentablemente non valoran. Esta actividade pódelles aportar coñecementos da realidade, do sitio onde viven porque moitos non saben o que hai onde viven e iso é fundamental para poder sacar proveito do que teñen ao seu alcance. Isto pode facer que valoren este traballo e se interesen por el.

Como ferramenta docente, como valora estas iniciativas de visitas guiadas e saídas dirixidas por profesionais do sector pesqueiro?
A min, que a visita fóra realizada por alguén que traballa no mar, que transmitiu toda a paixón do mundo e os coñecementos que ten, fíxome moita ilusión. O guía fixo da visita algo moi próximo e tanxible, e creo que iso é o que se debe transmitir nestas actividades para que os rapaces o vexan como algo bo e que poidan preguntar cousas do día a día do traballo. Así poderán ver que do mar pódese vivir ben.

Engadir que para as escolas trátase dunha actividade estupenda porque pódese facer en calquera momento do ano, incluso en inverno.

Este tipo de actividades pode fomentar o interese dos alumnos polo sector e facer que se interesen polo mesmo como opción laboral de futuro?
Estas actividades deberían ser básicas para que sentisen de preto a realidade que teñen ao carón da casa e, así, espertar a súa curiosidade polo sector.

Nesta liña, o GALP Ría de Pontevedra tamén desenvolve o proxecto Remuda xeracional. Coñece esta iniciativa?
Chegounos información sobre o proxecto Remuda xeracional, cal é o teu oficio? , un proxecto que achega á xente moza as saídas profesionais que ofrece o sector así como información sobre as ocupacións tradicionais e o nacemento doutras novas. Está moi ben pero creo que o primeiro paso é baixar ao porto e que alguén lles conte o que hai.