Sorry, you need to enable JavaScript to visit this website.

O GALP A Mariña Ortegal reúne ás entidades do territorio para valorar a marcha do programa de axudas do FEMP.

 

O mércores 20 de febreiro tivo lugar en Viveiro a reunión das mesas sectoriais para facer a avaliación do seguimento da Estratexia de desenvolvemento local participativa do GALP A Mariña Ortegal. Esta xuntanza enmárcase no proceso participativo que está desenvolvendo o GALP para a avaliación intermedia do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca, no cal colabora coa Consellería do Mar para a súa execución.

Numerosos axentes do territorio participaron nestas mesas, as cales agruparon o sentir e intereses de diferentes sectores do territorio. Houbo mesas dos sectores pesqueiro, público, económico e social. Contouse coa representación de diferentes confrarías da zona, agrupacións de mariscadoras, asociacións de redeiras, fundacións, empresas transformadoras e comercializadoras do sector. Tamén se contou coa participación das institucións locais e un amplo elenco de entidades en representación do tecido social e económico. Diferentes entidades promotoras de proxectos financiados polo GALP, tiveron tamén a ocasión de valorar a execución do Fondo.

No desenvolvemento da reunión foron presentados os datos de execución financeira dende o comezo do programa no ano 2016 ata finais de 2018. Neste sentido, destacouse a boa marcha que está a ter o GALP na execución do programa, cun financiamento de proxectos no territorio que supera os tres millóns de euros, en preto de 60 iniciativas apoiadas.

As reunións tamén serviron como espazo de valoración sobre a execución do traballo que ven desenvolvendo o GALP, cara o desenvolvemento sostible da zona costeira. Realizáronse valoracións e achegas de cara a continuar a traxectoria e a boa marcha do programa de axudas no territorio.

Para rematar a avaliación intermedia está prevista a realización dun Foro Final, onde se presentará toda a información de relevancia que se veu traballando neste proceso, cara a valorar o cumprimento da estratexia definida polo Grupo.