
Hoxe o programa de educación medioambiental POR UN FUTURO SOSTIBLE NA NOSA RÍA volveu recalar no IES As Bizocas do Concello do Grove, esta vez con alumnas e alumnos de 3º da ESO que participaron nunha actividade dirixida a concienciar sobre a importancia de reducir a presenza do lixo, unha tarefa á que todas e todos estamos obrigados, pois somos nós en maior ou menor medida quenes causamos o problema. Dentro da unidade didáctica desenvolvida espuxéronse os importantes problemas que están atopando nos últimos anos os habitantes dos océanos, ameazas descoñecidas ata o de agora que poñen en perigo as súas vidas, como a contaminación e a acumulación de lodos, a acidificación do mar causada polo aumento do nivel do dióxido de carbono atmosférico, o aumento da temperatura do océano, e o lixo mariño, especialmente o plástico. A actividade céntrase especialmente en explicar os problemas causados polo lixo mariño como os enredos da fauna mariña, a inxestión e intoxicación con plásticos, a introdución de especies exóticas invasoras, os efectos negativos na capacidade de alimentación, respiración, crecemento e reproducción; e os impactos na sociedade e na economía: xestión dos propios residuos e as perdas económicas en industrias como a pesca, o tráfico marítimo, as actividades recreativas ou o turismo.
Esta actividade completarase nos próximos días cunha segunda sesión a pé de praia na que terán a oportunidade de facer traballo de campo e poñer en práctica os coñecementos adquiridos.
O programa está organizado polo Galp Ría de Arousa e vaise desenvolver durante todo o mes de novembro en centros de ensino da Arousa Sur e Arousa Norte.

