Sorry, you need to enable JavaScript to visit this website.

4 de Xullo: Candieira, Rede de apoio á muller da costa galega, bota a andar cos primeiros encontros locais

Candieira, a Rede de apoio e promoción das mulleres do mar en Galicia, prepárase para dar o seu pistoletazo de saída. Este proxecto de cooperación promovido polos Grupos de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP) Ría de Pontevedra, Golfo Ártabro Norte, Costa da Morte, Seo de Fisterra-Ría Muros-Noia Costa Sostible, Ría de Arousa e Ría de Vigo-A Guarda, nace para alentar e acompañar o emprendemento das mulleres nas zonas costeiras dos territorios dos GALP participantes.

A zona do GALP Ría de Arousa que comprende os concellos de Boiro, A Pobra do Caramiñal, Rianxo, Ribeira, Cambados, Catoira, O Grove, A Illa de Arousa, Meaño, Ribadumia, Vilagarcía de Arousa e Vilanova de Arousa, celebrará os primeiros encontros institucionais e sociais o martes 4 de xullo. O primeiro, o ENCONTRO INSTITUCIONAL, será no Recinto Feiral de Fexdega (Avenida Rodríguez de Mendoza s/n, Vilagarcía), ás 12:30, e busca a implicación de responsables políticos e técnicos de diferentes áreas: desenvolvemento local, igualdade, emprego, xuventude, cultura, etc. Nel presentarase Candieira e compartiranse as necesidades e achegas dos axentes da zona. Xa pola tarde, ás 18:30 no mesmo lugar, terá lugar o ENCONTRO SOCIAL, aberto a confrarías, entidades sociais e empresariais, asociacións culturais, ambientais e persoas a título individual que queiran implicarse no proxecto.

Un grupo motor en cada zona

Durante a primeira quincena de xullo seguirán a celebrarse encontros en varias localidades para dar a coñecer o proxecto ás entidades e axentes locais, cuxa participación é fundamental para desenvolver Candieira. As xuntanzas están abertas á participación de toda a sociedade, especialmente a daquelas persoas que traballen na promoción da igualdade, que pertenzan ao sector pesqueiro, patrimonial, cultural e ambiental ou que estean vinculadas ao ámbito do emprendemento e a innovación. O obxectivo último é a constitución dun grupo motor en cada territorio, que se encargará de dinamizar e guiar o proceso entre este ano e o que vén, e á súa vez favorecer a incorporación de novos axentes. 

Entre setembro deste ano e abril de 2018 programaranse “laboratorios” ou obradoiros prácticos de impulso ás iniciativas que nazan e medren ao abeiro do Candieira. Estes espazos de creación alentarán a posta en marcha de proxectos baixo unha perspectiva Maker (aprender a través da experiencia). A inscrición, de balde, dirixirase a mulleres emprendedoras dispostas a mergullarse na xeración de experiencias innovadoras e intercambiar saberes e coñecementos, ao tempo que se vai tecendo unha rede de traballo colaborativa entre elas.

A previsión é que en maio de 2018 esta rede de apoio e de traballo compartido das mulleres da costa galega estea consolidada e que se manteña ao longo do tempo.

Presentación oficial

O pasado 6 de xuño tiña lugar a presentación oficial do proxecto, que contou coa presenza e apoio da conselleira do Mar, Rosa Quintana, en Marín.

Este exercicio de cooperación laboral entre os 56 municipios costeiros que conforman os seis GALP participantes, e que van desde A Guarda ata Narón, conta cunha axuda da Consellería do Mar, no marco da convocatoria deste ano, destinada a proxectos de cooperación interterritoriais e transnacionais dos GALP.