Sorry, you need to enable JavaScript to visit this website.

A plataforma XESMAR estará implantada no territorio da Arousa en dous anos

 

O proxecto, financiado polo GALP Ría de Arousa con 52.330 euros, correspóndese coa segunda fase da plataforma, tras unha primeira etapa de desenvolvemento, que xa foi financiada tamén polo GALP. XESMAR é froito da cooperación entre as Confrarías de Pescadores de San Antonio de Cambados e La Pastoriza de Vilanova, e busca a incorporación de solucións baseadas nas novas tecnoloxías que simplifiquen a xestión e a organización dos traballos relacionados coa pesca e o marisqueo, que fomenten a formación dos e das profesionais do sector primario e ao mesmo tempo potencien a conexión e integración ao ter como obxectivo a súa implantación nas confrarías de todo o ámbito da Comunidade Autónoma. No territorio da Arousa, a plataforma quedará implantada en 2020 e será accesible a través de web e aplicación móbil. A iniciativa promoverá unha mellora substancial do sector, grantindo o emprego neste colectivo e animando ás xeracións máis novas a inocrporarse a un sector eminentemente tradicional. Tamén mellorará a creación do emprego no ámbito do sector e sobre todo da actividade extrativa e do marisqueo, xerando un maior valor engadido dos recursos e contribuíndo ao desenvolvemento de toda a zona de influencia. A conexión interterritorial verase xustificada nun proxecto conxunto que pretende ser a base para futuras iniciativas de relación entre confrarías, e entre outras entidades, mellorando a cohesión, a información e os resultados en beneficio de todo o sector.

 

Este proxecto pretende ser o faro TIC que guíe ao colectivo de traballadoras e traballadores do mar e ás súas confrarías, no proceso de modernización, simplificación de procesos e organización do traballo. A plataforma contribuirá aportando propostas de valor que cubran necesidades sociais, formativas e integradoras, ademais de económicas. Fomentará a cooperación e a coordinación entre diferentes áreas xeográficas, e entre todos os colectivos do sector integrantes das mesmas, ademais de supoñer unha ferramenta que contribuirá a solventar unha problemática de organización e xestión que redunda nunha perda do beneficio e de oportunidades no sector. A iniciativa representa unha clara innovación integrando as TIC no sector, poñendo os resultados a disposición do público para que podan ser aproveitados e seguidos por entidades doutras zonas ou outros colectivos. A optimización dos recursos e a mellora na organización e xestion do sector, e moi especialmente do subsector primario-marisqueo, contribuirá á sostibilidade e protección do medio ambiente e dos recursos das zonas costeiras procurando a protección e a recuperación da biodiversidade acuática, fomentando unha actividade cun elevado nivel de protección do medio, do benestar, mellora no produto, na calidade, trazabilidade e comercialización, grantindo o equilibrio entre as actividades e a preservación dos recursos naturais, consolidando o desenvolvemento tecnolóxico e a innovación, e todo elo dende un punto de vista da formación e profesionalización do persoal.

 

En Galicia existen diferentes áreas de explotación marisqueira. Os plans de xestión son unha ferramente para unha explotación sustentable e a conservación dos recursos mariños que integran aspectos biolóxicos, soiais e económicos. O sector do marisqueo a pe sufriu unha importante transformación desde a década dos 90, pasando de ser unha actividade fundamentalmente individual e meramente extractiva a transformarse nunha actividade organizada e que conleva traballos complementarios como o traslado de semente, limpeza de bancos marisqueiros, actividades de semicultivo necesarias para a mellora da produción, actividades de coidado, control, seguimento, protección e vixilancia dos bancos marisqueiros, etc. A realización destes traballos complementarios do marisqueo son fundamentais para unha explotación sostible dos recursos e reflicten o esforz da organización e o compromiso de todo o colectivo. Considerando o volumen de mariscadoras nas áreas de explotación queda patente a importancia de que se organice de xeito apropiado e que se incorporen mecanismos de planficación e xestión máis avanzados para poder optimizar todas as labores de organización econtrol.

 

A plataforma será accesible a través de internet desde o terminal móbil ou equipo de escritorio e disporá dunha parte pública a través da cal o colectivo estará informado das noticias e novidades de interese (tempo, mareas,etc) e tamén poderá acceder á parte privada (previa autentificación) para a consulta e execución dos traballos asignados. Nesta área privada, cada usuario, en función do seu perfil, disporá dos formularios e controis necesarios para levar a cabo o seu trballo, consultar a información correspondente ao seu contexto, etc. A implantación desta plataforma suporá unha importante mellora para o sector nos seguintes aspectos:

 

ÓRGANOS XESTORES:

Planificación dos traballos, asignación de recursos, determinación de cotas, etc

Consulta de traballos efectuados por diferentes criterios (rango, de data, tipo, etc)

Organización das mariscadoras en grupos de traballo

Consulta de histórico de topes de extracción

Visualización do grao de cumprimento dos trballos de cara ao control das renovacións

Lanzar notificacións ás mariscadoras de roma individual, en grupos ou a todo o colectivo.

Exportar documentación e certificacións de execución dos traballos nun formato que permita a súa integración cos sistemas desenvolvidos pola administración.

 

SUPERVISOR/A

Confirmación de asistencia

Labores de supervisión en campo

 

MARISCADOR/A

Consulta dos próximos traballos asignados

Consulta dos últimos traballos executados

Lectura de notificacións emitidas polos xestores

Ver as faltas e próximos días para a súa recuperación

Consulta de traballos executados segundo diferentes criterios (rango de datas, tipos, etc)