
Un grupo de mulleres do mar do GALP Ría de Arousa, chegadas de Cabo de Cruz, Vilanova de Arousa, Carril e O Grove, participaron o pasado martes 25 de setembro nunha sesión de traballo do programa ALIADAS co obxectivo de traballar na identificación das mulleres da nosa memoria, relacionadas co mar, e tamén na identificación de espazos aos que a vida mariñeira está ligada, e de como estes foron mudando. Durante a sesión trataron de lembrar anécdotas, lendas, historias e fitos que conforman o noso imaxinario colectivo.
Sobre un mapa do territorio, falaron en primeiro lugar da Asociación das mulleres do mar de Arousa, que naceu hai 2 anos e acolle a tódalas mulleres do mar da Ría. Naceu co obxectivo de visibilizar os seus oficios. Sempre se traballou conxuntamente cos homes, pero semella que só eles son visibles. Falamos das dobres xornadas e do pouco recoñecemento que, en xeral, se nos fai ás mulleres no mar.
Falaron dos lugares. Lembraron a primeira batea que houbo no Grove, viñera de Vilanova. Máis adiante comezaron a instalarse baeas do outro lado da illa. Por certo, sabíades que Emilia Pardo Bazán pasou moito tempo no Grove?
Seguiron situando cousiñas no mapa. Para avisarse dos saqueos viquingos, íanse construíndo torres: na Lanzada, en San Sadurniño, en Calago e en Catoira... A construción da pasarela en Vilanova de Arousa facilitou a mobilidade dun lado a outro da ensenada. Lembramos cando había que esperar á seca para cruzar ao terrón.
E saíron nomes. Nela e a Riquitola, mulleres xubiladas que seguen no porto, referentes nosas, que continúan vendendo peixe cando poden. Levan toda a vida no mar. Luisa acórdase tamén dunha rapaza que vendía xardiñas e as levaba nun cesto na cabeza. Aínda non había xeo... Entón mantiña a temperatura cun trapo mollado e pedíalle aos nenos e ás nenas que llo refrescasen no mar.
Falaron tamén da illa de Cortegada como punto simbólico para a xente de Carril, das historias de Olaf o viquingo... Quedaron en indagar máis en quen era Úrsula, que lle plantou cara en Catoira. Cortegada pasou despois a mans de Afonso XIII, que veraneaba na illa cando había aínda animais e leiras, e acabou por regalarllo aos Borbóns. Quíxose construír un complexo hoteleiro, pero grazas á oposición ecoloxista e da veciñanza logrouse impedir.
Todas estas achegas que se van reconstruíndo mediante as achegas das participantes ao longo de cada sesión conformarán un mapa emocional das mulleres da Arousa que representa unha valiosa ferramenta para o coñecemento e o empoderamento das que habitan hoxe o territorio e que poderemos transmitirlles tamén ás que virán atrás nosa.

