Sorry, you need to enable JavaScript to visit this website.

Arrancan as xornadas de igualdade cunha sesión sobre a comunicación das profesións do mar

Arrancan xornadas igualdade O Sal do Mar GALP Ría de Arousa

 

O GALP Ría de Arousa continúa co seu compromiso por promover a igualdade de xénero no sector pesqueiro. Un ano mais, poñemos en marcha o proxecto de dinamización O Sal do Mar, dirixido ao apoderamento das mulleres do mar e ao recoñecemento social do seu traballo.

 

O día 30 de xuño, ás 18h, celebraremos na Confraría de Cambados unha xornada sobre a comunicación das profesións do mar. Non cabe dúbida que as mulleres do mar foron gañando visibilidade grazas aos seus esforzos por ser recoñecidas e visibles, aumentando o recoñecemento social dos traballos que desenvolven. Maria José Vales e Rosa Carballo darán a benvida ás xornadas, como presidenta e xerente do GALP respectivamente.

 

Nesta xornada desenvolveremos unha conversa entre mulleres que, dende as súas profesións, decidiron mostrar os traballos do mar en distintos formatos (televisión, xornadas, para grupos de turistas ou escolares, ou a través das redes sociais), para dar a coñecer ao público en que consiste o seu traballo e o das súas compañeiras.

 

A través desta conversa, Marisa Seco, Obdulia Piñeiro e María Fontán compartirán as dificultades para dar o paso e falar en público, as estratexias que puxeron en práctica para superar eses medos, a resposta que obtiveron por parte da xente, e as anécdotas que foron vivindo polo camiño. Nesta conversa convidaremos ás asistentes a que participen e compartan experiencias.

 

Esta xornada marca o comezo dun proxecto de igualdade no que, a través de distintas xornadas, as mulleres do mar falarán de temas do seu interese, como por exemplo dar a coñecer a profesión do marisqueo a flote, a sostibilidade do mar e a economía circular vinculada ás profesións do mar, e os ciclos biolóxicos das mulleres e como inflúen no desenvolvemento do traballo.

 

Se es unha muller de mar e tes interese en participar destas xornadas, podes poñerte en contacto con nós no correo electrónico dinamizacionmulleresarousa@gmail.com , ou no teléfono 627 096 062.