
A celebración da xornada de presentación de resultados contou coa participación de máis de 50 mulleres e homes do sector pesqueiro, comprometidas coa promoción da igualdade no sector e a mellora das condicións profesionais das mulleres do mar.
A benvida correu a cargo de Maria José Vales, presidenta do GALP; Tania García, primeira tenente de alcalde e concelleira de igualdade de Vilagarcía de Arousa, e Susana Rodríguez, directora xeral de desenvolvemento pesqueiro; quen puxeron de manifesto a importancia de poñer en valor o traballo desenvolvido polas mulleres da zona, xa que as actividades vinculadas ao mar teñen un gran peso económico no desenvolvemento da zona costeira.
Posteriormente, o equipo técnico do proxecto levou a cabo un percorrido polas accións que o GALP foi desenvolvendo na súa traxectoria para a promoción das mulleres do mar: dende a promoción de proxectos empresariais liderados por mulleres, pasando pola formación e xeración de estudos que permitan coñecer a realidade das mulleres do mar, ata o apoio á xeración de redes profesionais e asociativas que impulsen a mellora da visibilidade e condicións laborais.
Entre os principais datos compartidos na xornada, destacar o papel que a Ría de Arousa supón no territorio: das 20 lonxas de produto fresco comercializado no ano 2018, 8 están situadas na Ría de Arousa. Ademais, a industria das conservas, maioritariamente situada en Galicia (e en especial na Ría), sitúa ao Estado como primeiro produtor de conservas europeo. Por outro lado, a Ría de Arousa é a primeira produtora de mexillón en Galicia, contando nas súas augas con 2318 bateas das 3386 que existen en todo o territorio autonómico.
En canto ás mulleres no sector, tendo en conta as afiliación ao Réxime do Mar, o 30,3% das afiliadas na Ría de Arousa son mulleres. Elas son o 40,7% de tódalas afiliadas ao Réxime do Mar en Galicia. Se recollemos a Clasificación Nacional de Actividades Económicas, que integra outras actividades na cadea do sector pesqueiro (como o procesado dos produtos, a fabricación de conservas, e a comercialización), a cifra de mulleres aumenta ao 46,8%: a metade do sector. É importante sinalar que, das case 50.000 mulleres en idade produtiva na Ría de Arousa, 5.572 traballaron en actividades relativas ao sector.
Así mesmo, púxose en valor o traballo de campo que se levou a cabo con este proxecto, no que a Asociación de Mulleres do Mar de Arousa tivo un papel imprescindible na escoita das experiencias das mulleres do sector. Neste sentido, a presidenta da asociación, Dolores Gómez, recalcou a importancia de presentarse a postos directivos e sinalou a importancia de traballar xuntas e en colectivo para facer fronte aos retos.
Para clausurar a xornada, a conselleira do mar Rosa Quintana, ensalzou o papel das mulleres no desenvolvemento das zonas costeiras a través da súa implicación en actividades profesionais no mar, así como os grandes avances conseguidos nos últimos anos en termos de recoñecemento e asociacionismo de mulleres profesionais.

