Sorry, you need to enable JavaScript to visit this website.

Mulleres do mar da Arousa conclúen as xornadas formativas de ‘O Sal do Mar’ collendo soltura coas habilidades dixitais

O Sal do Mar cuarta xornada habilidades dixitais mulleres do mar da Arousa


Mulleres do sector do mar asistiron ao Centro de Desenvolvemento Local de Vilanova de Arousa, no Pazo Vista Real, para participar na última xornada do programa “O Sal do Mar”, que estivo dedicada ao uso da sede electrónica e xestións en liña, moi necesarias para estas profesionais.

O encontro contou coa participación de 15 mulleres. Nesta sesión, a segunda das centradas na aprendizaxe de habilidades dixitais, un dos obxectivos foi coñecer como se descarga un certificado dixital. Ademais, as asistentes tiveron a oportundiade de facer prácticas en liña como, por exemplo: consultar a vida laboral na sede electrónica do Instituto Social da Mariña (ISM), os datos do catastro, os puntos do carné de conducir, descargar un volante de empadronamento, etc.

Desenvolvemento da xornada

A xornada comezou conectando a Internet os dispositivos cos que se achegaron as participantes (móbiles, tablets e ordenadores portátiles), e entrando na plataforma Classroom. A partir de ter todas acceso á aula virtual, revisáronse distintos documentos para, posteriormente, entrar en contidos e desenvolver as diversas tarefas.

Ademais de lograr instalar o certificado dixital nos ordenadores, as mulleres participantes aprenderon a descargar a Cl@ve da Axencia Tributaria por videochamada; procuraron información laboral no Instituto Social da Mariña; e tamén entraron na sitio web correspondente para consultar os catastros. Tamén se aproveitou a xornada para repasar algunhas dúbidas sobre como configurar a privacidade no Facebook e no Whatsapp.

Estas xornadas tiveron como principal obxectivo coller soltura coas novas tecnoloxías, así como conseguir fitos prácticos.

A formación foi impartida por Daniel Oca, profesional docente con experiencia en obradoiros de formación dixital con profesionais do sector pesqueiro.

Xornada de conclusión, en xuño

Con esta, rematan as sesións formativas e só quedaría unha última xornada do programa, que terá un carácter máis lúdico e de fortalecemento da rede de mulleres do mar. A xornada terá lugar no Centro de Desenvolvemento Local de Vilanova de Arousa, no mes de xuño.