Sorry, you need to enable JavaScript to visit this website.

O GALP Ría de Arousa lanza nova edición da campaña ‘O Sal do Mar’ centrada nos ámbitos da saúde e das xestións en liña

O GALP Ría de Arousa lanza nova edición da campaña ‘O Sal do Mar’ centrada nos ámbitos da saúde e das xestións en liña


O GALP Ría de Arousa continúa co seu compromiso por promover a igualdade de xénero no mar e atender ás necesidades de información e formación expresadas polas mulleres que desenvolven a súa actividade profesional neste sector. Por iso, lanza unha nova edición do programa de dinamización O Sal do Mar, dirixido ao apoderamento das mulleres do mar e ao recoñecemento social do seu traballo.

En canto ás necesidades identificadas nas edicións xa realizadas desta campaña, e froito do contacto directo e constante coas mulleres do sector, hai dúas áreas temáticas principais: unha relacionada coa saúde e outra coa administración electrónica. Para desenvolver a formación e participación nestes eidos, celebraranse varias xornadas, en formato presencial. As sesións serán as seguintes:

Dúas sesións sobre a saúde das mulleres, abordando distintas temáticas. Estas sesións tratarán de continuar o traballo de desmitificación de tabús relacionados coa saúde sexual e reprodutiva, poder consultar dúbidas a profesionais do sector, e compartir experiencias baseadas na promoción da saúde. Tamén se abordará o coidado da saúde e benestar psicolóxico.

Nestas dúas xuntanzas contarase co coñecemento das profesionais da saúde Paz Diéguez, Dolores Rodríguez e Claudia González. Os encontros terán lugar no Auditorio de Rianxo os días 23 de marzo e 6 de abril, ambos en horario de 18:00 a 20:30 h.

Dúas sesións dedicadas ao uso da sede electrónica e xestións en liña. Esta temática xorde da dixitalización da Administración en moitos procesos cotiás, relacionados co traballo e coa vida persoal, nos que se exixe o contacto electrónico das persoas co sector público. As dúas sesións terán un carácter práctico e aplicado, nas que se traballarán as habilidades sobre distintas xestións en liña: DNI electrónico, certificado dixital, chave 365 e cl@ve, para a relación coa Seguridade Social, co Sergas, e coa Administración. As sesións terán lugar os días 20 de abril e 4 de maio no Centro de Desenvolvemento Local de Vilanova de Arousa (Pazo de Vista Real). Celebraranse en horario de 18.00 a 20.30h, e estarán conducidas por Daniel Oca, docente en novas tecnoloxías.

Xornada final de conclusións. Este encontro final do proxecto ten o obxectivo de poñer en valor a evolución e os avances dos dereitos laborais das mulleres do mar, así como visibilizar o futuro e concretar propostas en clave de promoción da igualdade no mar. Ademais, coidarase o carácter lúdico e relacional que supón esta xuntanza, reforzando a confianza e as redes formais e informais das mulleres do mar.

A estrutura desta sesión será en dúas partes: na primeira contarase coa voz e experiencia de mulleres que teñan vivido o proceso de profesionalización de distintos oficios do mar nos que as mulleres continúan sendo maioría (como no caso do marisqueo a pé e as redeiras). Prepararase o discurso previamente coas mulleres que conten a súa experiencia. Na segunda parte da sesión, dinamizarase un espazo no que as mulleres asistentes marquen unhas liñas clave para o GALP, de cara ao novo período FEMPA, no camiño cara a igualdade e o apoio ás mulleres do mar. Por último, ofrecerase unha degustación de produtos do mar, que reforce a relación entre as mulleres e reforce as redes formais e informais das mulleres do mar dos distintos territorios da zona costeira. Esta sesión está previsto que se desenvolva no Auditorio de Vilagarcía de Arousa.

Inscrición

Para as mulleres interesadas en participar nestas xornadas, poden poñerse en contacto co GALP no correo electrónico dinamizacionmulleresarousa@gmail.com ou no teléfono 627 096 062.