Sorry, you need to enable JavaScript to visit this website.

“Na Illa xa está traballando todo o mundo, pero aínda extraemos poucos quilos para aproveitar mellor o produto”

Juan José Rial, patrón maior da Confraría da Illa de Arousa

Juan José Rial, patrón maior da Confraría da Illa de Arousa.

 

O marisqueo volveu timidamente á actividade esta semana nalgunhas confrarías da ría de Arousa. Tamén na da Illa?

Estabamos parados desde o 18 de marzo e voltamos esta semana con dous días de marisqueo a pé e outros dous a flote. Obtivemos algo de camarón pero, sobre todo, algas.

E a vosa Confraría é, sobre todo, marisqueo.

Si, na nosa lonxa non se vende peixe nin choco, só se comercializou algunha vez de forma puntual. Subástase marisco, crustáceos e recursos específicos como navalla, longueirón, algas ou anémonas.

Que proporción de xente está traballando nestes momentos?

Das máis de 240 mariscadoras, foron todas, menos as que estaban de baixa e as persoas de marisqueo a flote tamén están traballando. Os días que fai bo tempo traballa todo o mundo, excepto aquelas persoas de artes menores que entre maio e xuño van ao peixe. En total, algo máis de 200 embarcacións, máis as mariscadoras.

Polo tanto, trátase dun gran esforzo tendo en conta a situación actual do mercado, de menor dinamismo e co peche da restauración aínda en vigor.

Os prezos non están mal, pero os quilos que se están sacando son poucos. Por exemplo, despois destes días que se deixou de traballar tras o 18 de marzo, había uns pequenos pedidos procedentes das grandes superficies, pero había moi poucos compradores para esa cantidade, de aí que o prezo fose bo. Porén, en proporción ao que podemos extraer que, na nosa lonxa soe ser de entre tres e cinco toneladas diarias de marisco, estamos en pequenas cantidades. A primeira xornada desta semana as mariscadoras apenas superaron os 200 quilos. Son cantidades ridículas respecto ao que se pode poñer no mercado. A isto súmase a restauración e hoteis pechados e a imposibilidade de enviar nada a Madrid ou Barcelona, que son centros fundamentais para o noso marisco.

O marisco igual non é de primeira necesidade como o peixe, pero si xera moito emprego.

Si, é certo. Pero aínda que non sexa de primeira necesidade tivemos que manter a actividade de todas formas, de aí que a ver se hai algunha compensación, pero nós seguiremos indo a traballar.

A próxima semana esperades seguir indo ao mar.

Esa é a intención. Manteremos reunións coas depuradoras para ver como podemos distribuir o traballo e ver que cantidades de quilos se poden sacar, para aproveitar mellor o produto. Pero o obxectivo é continuar traballando.