Sorry, you need to enable JavaScript to visit this website.

O alumnado de Vilaxoán sensibilizouse sobre os efectos negativos dos plásticos nas nosas rías

 

O programa de educación medioambiental POR UN FUTURO SOSTIBLE NA NOSA RÍA que o Galp Ría de Arousa vai desenvolver durante todo o mes de novembro en centros de ensino da Arousa Sur, chegou hoxe ás aulas de 5º e 6º de primaria do CEIP Vilaxoán de Vilagarcía.

As alumnas e alumnos debullaron os contidos dunha unidade didáctica centrada en conciencialos de que reducir a presenza do lixo é unha tarefa á que todas e todos estamos obrigados, pois somos nós en maior ou menor medida quenes causamos o problema. O alumnado de Vilaxoán puido coñecer polo miúdo os importantes problemas que están atopando nos últimos anos os habitantes dos océanos, ameazas descoñecidas ata o de agora que poñen en perigo as súas vidas, como a contaminación e a acumulación de lodos, a acidificación do mar causada polo aumento do nivel do dióxido de carbono atmosférico, o aumento da temperatura do océano, e o lixo mariño, especialmente o plástico. A actividade céntrase especialmente en explicar os problemas causados polo lixo mariño como os enredos da fauna mariña, a inxestión e intoxicación con plásticos, a introdución de especies exóticas invasoras, os efectos negativos na capacidade de alimentación, respiración, crecemento e reproducción; e os impactos na sociedade e na economía: xestión dos propios residuos e as perdas económicas en industrias como a pesca, o tráfico marítimo, as actividades recreativas ou o turismo.

Esta actividade completarase nos próximos días cunha segunda sesión a pé de praia na que terán a oportunidade de facer traballo de campo e poñer en práctica os coñecementos adquiridos.