
Rianxo acolleu a segunda xornada do programa O Sal do Mar 2022, que organiza o GALP Ría de Arousa. O eixe temático foi o benestar psicolóxico e, para abordalo, contouse coa colaboración de profesionais do ámbito da saúde e da enfermaría.
O encontro, que tivo lugar no Auditorio de Rianxo, contou coa asistencia de 20 mulleres do sector do mar. Nesta ocasión, Rosa Carballo, xerente do GALP Ría de Arousa, foi a encargada de realizar a apertura da xornada. Ao acto tamén asistiu Tobías Betanzos, concelleiro de Facenda, Economía e Participación do Concello de Rianxo, quen deu a benvida ás participantes.
Nesta segunda sesión realizaron as súas achegas as expertas no ámbito da saúde e da enfermaría Mª Paz Diéguez Montes, subdirectora da Escola Universitaria de enfermería da Universidade de Vigo; Dolores Rodríguez García, matrona no Servizo Galego de Saúde; e Claudia González López, enfermeira especializada en saúde mental. As tres son profesionais con extensa experiencia e comunicadoras en espazos relacionados coa saúde de mulleres do mar.
A xornada foi dinamizada e conducida por Claudia González, enmarcando os contidos nas cuestións relativas a entender como funciona o noso corpo e a nosa mente en relación ao desenvolvemento do traballo das mulleres do mar.
Reflexións e momentos participativos
A xornada comezou amosando a representación no eido da arte das mulleres do mar. Xa dende comezos do século XX existen fotografías e pinturas que salientan o gran valor do traballo das mariscadoras, peixeiras e redeiras. Durante a sesión lanzouse ao auditorio a seguinte reflexión: as mulleres do mar, a día de hoxe, síntense recoñecidas pola sociedade?
A partir deste marco, as asistentes realizaron un percorrido para aprender como poden coidar mellor de si mesmas, aprendendo sobre os seus sentimentos e pensamentos, para ter maior benestar psicolóxico.
As expertas destacaron que é importante recoñecer os sinais que envía o corpo, entendelos como procesos naturais e sen culpa. Na xornada, tamén se abordaron outros aspectos. Entre eles, como identificar pensamentos útiles ou inútiles, deixar de experimentar emocións “negativas”, coidar o diálogo interno e aprender a ser máis asertivas no día a día.
Así mesmo, intercaláronse exercicios de relaxación e respiración con momentos participativos nos que se compartiron malestares, incertezas e estratexias que fan responder mellor en situacións cotiás.
As participantes tamén dedicaron un momento para analizar como lles fan sentir e como afrontan certas situacións relacionadas co traballo, como son os paros, a responsabilidade de coidar a outras persoas, o traballo ao aire libre en condicións adversas, etc. A charla foi complementada con dúbidas que foron xurdindo, dende a participación das asistentes.
Próximas sesións, en Vilanova de Arousa
Desde o GALP Ría de Arousa emprázase ás participantes a achegarse ás vindeiras xornadas deste programa, que terán lugar os días 20 de abril e 4 de maio en Vilanova de Arousa. Os contidos destas xornadas xirarán arredor das habilidades dixitais, poñendo en práctica capacidades que melloren a nosa relación coa tecnoloxía.
Máis información sobre o programa na nosa web, no seguinte enlace.