Sorry, you need to enable JavaScript to visit this website.

O Galp 5 participa no plan de lanzamento da Ruta dos Faros MarGalaica

 

O pasado xoves 13 de setembro, a xerente do Galp Ría de Arousa, Rosa Carballo, participou na Comisión de Seguemento do proxecto de cooperación A Ruta dos Faros, incluído dentro de Margalaica e que aborda a súa segunda fase. Na xuntanza aprobáronse as actuacións previstas de aquí a final de ano. Entre elas, está a posta en marcha de 2 produtos turísticos ligados á Ruta dos Faros e relacionados con distintas opcións de alugueiro de transportes para percorrer os itinerario propostos.

Tamén se acordou realizar un novo catálogo de fotografías de cara a actualizar os arquivos actuais e ampliar a difusión de emprazamentos de interese incluídos na ruta.

A Ruta dos Faros vaise presentar aos medios de comunicación estatais nun acto que terá lugar en Madrid antes de que finalice o ano, co obxectivo de conseguir que obteña o máximo impacto en medios xeralistas, especializados e tamén en redes sociais a través de influencers do ámbito turístico e de tendencias.

Os Grupos de Acción Local Pesqueira teñen previsto realizar handtrips cos seus socios para mostrarlles a ruta e que poda promocionala a través das súas propias experiencias.

Ruta dos Faros de Galicia: o primeiro produto turístico para gozar de toda a costa galega

A Ruta dos Faros de Galicia é o primeiro produto turístico que ofrece a posibilidade de gozar de toda a costa de Galicia, unindo as Rías Altas e as Rías Baixas, a costa cantábrica e a costa atlántica. Desde Ribadeo, no límite con Asturias, ata A Guarda, na fronteira con Portugal, a ruta atravesa 1.175 km e inclúe 50 paseos que pasan por 44 faros, 98 portos pesqueiros, 60 lonxas, 114 praias, 120 empresas de servizos turísticos e máis de 120 restaurantes KM 0  MarGalaica, que se comprometen a servir e  identifcar nas súas cartas produtos do marisqueo e a pesca costeira artesanal e de proximidade.

A Ruta dos Faros de Galicia nace dos GALP de Galicia a través do Proxecto de Cooperación Interterritorial  MarGalaica, aprobado pola Consellería  do Mar e cofinanciado polo FEMP (Fondo Europeo Marítimo e de Pesca), cun investimento de 153.000 €, repartidos nun territorio que abarca 76 municipios da costa galega.

O proxecto contempla tamén un Plan de formación en turismo mariñeiro para profesionais do mar destinado a xerar produtos turísticos, e dirixido fundamentalmente a tres destinatarios: Mulleres do mar, Mozos do mar e Carpinterías de ribeira. De momento monitoráronse 30 iniciativas de turismo mariñeiro en toda Galicia.