Sorry, you need to enable JavaScript to visit this website.

O Galp da Ría de Arousa impulsa unha xornada sobre as oportunidades da economía azul

 

Baixo o título ‘O mar como motor de innovación e  crecemento’ o Grupo de Acción Costeira da Ría de Arousa organiza unha xornada centrada en dar a coñecer as oportunidades que ofrece a economía azul e como se poden aplicar no territorio da Arousa. Será o próximo martes 11 de decembro no Pazo Vista Real (Corón 37, Caleiro-Vilanova de Arousa) en horario de tarde (17:00 – 20:00).

A Unión Europea (UE) considera os mares e océanos como motores da economía dos territorios costeiros polo seu gran potencial para a innovación e o crecemento; e aposta pola economía azul como alternativa de futuro porque ofrece máis vida e desenvolvemento para as poboacións costeiras e implica emprego e oportunidades que permiten que a xente moza poida establecerse no seu territorio. 

Desde a Secretaría Técnica da Plataforma Tecnolóxica Española da Pesca e a Acuicultura (Ptepa), en liña co discurso da Comisión Europea, defenden que ademais da pesca, a economía azul ten potencial de crecemento e creación de emprego en moitos sectores e que, se o océano fora un país, “sería a séptima economía máis grande do mundo”.

Uns 350 millóns de empregos están vinculados ao océano en todo o mundo según Nacións Unidas, que recalca que a enerxía renovable mariña “pode desempeñar un papel vital no desenvolvemento social e económico, así como a acuicultura na adaptación e mitigación climáticas” sen esquecer que a enerxía do océano é unha das respostas para satisfacer a crecente demanda de electricidade limpa”.

Así mesmo, a biotecnoloxía azul, aínda que é unha industria exigente, tamén é moi prometedora. Os seus resultados aplícanse e comercialízanse nunha ampla gama de sectores como o farmacéutico, o cosmético, o da nutrición e a alimentación ou o enerxético.

En España, a economía azul emprega a máis de 691.000 persoas e xera aproximadamente 23 millóns de euros de valor agregado. En toda a Unión Europea representou en 2016 o 1,3% do PIB total. Para promover a economía azul, a UE considera vital establecer sinerxías entre autoridades, entidades investigadoras e empresas, para conectar as ideas e iniciativas coas persoas e grupos que poden promovelas e orientalas. Ese é precisamente o obxectivo desta sesión de traballo na que van participar os principais actores implicados no desenvolvemento de iniciativas de crecemento azul en Galicia e Portugal. Abrirá a xornada a directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez Carballo para presentar as liñas de traballo da Consellería do Mar aliñadas coa economía azul. A continuación, Yolanda Molares, do ICSEM (Instituto para o Crecemento Sostible da Empresa) presentará a economía azul como concepto e filosofía de traballo sostible nos territorios costeiros. Rosa María Carballo Martínez, xerente GALP Ría de Arousa, dará paso a algún dos proxectos destacados no territorio da Arousa en relación coa economía azul, que serán presentados polas persoas promotoras. Paloma Rueda Crespo, directora do CETMAR (Centro Tecnolóxico do Mar), presentará varios  proxectos e investigación na liña do crecemento azul, con potencial para ser replicados na Ría de Arousa. A seguir, Carlos Botana, xefe do Departamento de Sostibilidade da Autoridade Portuaria de Vigo, presentará o caso práctico de implementación da Estratexia Blue Growth no Porto de Vigo, que neste momento é a entidade galega máis avanzada na aplicación das recomendacións europeas para o fomento da economía azul. Pechará a xornada Rui Azevedo, secretario xeral do FÓRUM OCÉANO, entidade portuguesa enfocada no coñecemento e economía do mar que traballa nas áreas de transformación e comercialización do peixe, industrias navais, naútica e turismo náutico, cultura marítima, defensa e seguridade no mar, biotecnoloxías e bio recursos mariños, e enerxías renovables.

As persoas asistentes terán a oportunidade de expoñer proxectos, consultar dúbidas e coñecer de primeira man as investigacións que se están desenvolvendo neste momento en Galicia e Portugal.  Despois de cada bloque, as poderán facer consultas directas sobre posibles ideas e iniciativas, e mesmo axendar encontros coas entidades. O obxectivo é conectar a administracións, produtores de coñecemento e axentes tecnolóxicos, con demandantes de tecnoloxías para a innovación empresarial no campo da economía relacionada co mar en todas as súas vertentes.

As inscricións están abertas a través do correo electrónico: xornadaeconomiaazul@gmail.com