Sorry, you need to enable JavaScript to visit this website.

O GALP Ría de Arousa busca iniciativas con talento azul para atraer fondos europeos

Consciente da gran oportunidade que ofrece a última convocatoria de axudas deste período -aberta ata marzo-, o GALP Ría de Arousa celebrou hoxe en Cambados unha sesión de traballo que tiña como obxectivo inspirar proxectos innovadores, que mostren o gran talento da Arousa, e consigan atraer fondos europeos ao territorio. O protocolo sanitario imposto pola COVID obrigou a limitar o aforo a 60 persoas, polo que o GALP habilitou un streaming para facilitar o seguimento da xornada vía online en directo a través das canles de Facebook e YouTube da entidade.

Na apertura da sesión participaron a directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez Carballo; a alcadesa de Cambados, Fátima Abal; e a presidenta do GALP Ría de Arousa, María José Vales, que asegurou que o sector está vivindo “momentos de incerteza que nos esixen solucións creativas que mostren o gran talento desta terra” e confiou no “gran potencial material e humano da Arousa para desenvolver proxectos que logren diversificar o sector do mar e facer do noso territorio un referente no ámbito do crecemento azul”.

A xerente da entidade, Rosa Carballo, foi a encargada de moderar as tres mesas nas que se presentaron proxectos desenvolvidos con éxito noutros territorios da costa galega, e nos que se valorou a posibilidade de seren replicados ou adaptados ás necesidades do territorio da Arousa.

Na mesa de VALOR ENGADIDO, o GALP 2 Golfo Ártabro Norte presentou un vehículo marisqueiro multifuncional, promovido pola Confraría de Mugardos para axudar ao sector do marisqueo a pé, na limpeza das praias, e con posibilidade tamén de instalación de redes, grúa e bateador; e transporte de persoas e materiais, especialmente deseñado para parques de cultivo lonxe da costa. Dentro deste mesmo bloque, o GALP 7 Ría de Vigo- A Guarda presentou o proxecto Polbo das Illas, promovido pola empresa de Cangas, Susións e Hijos,S.L., que acondicionou unha nave para a transformación de produtos pesqueiros da flota artesanal (maioritariamente polbo), co obxectivo de comercializalos para a hostalaría, a distribución a establecementos comerciais e a venda a consumidor final. Tamén ofrecen un servizo de conxelación para terceiros.

Na mesa de DIVERSIFICACIÓN, COLABORACIÓN E GOBERNANZA, o GALP 4 Seo de Fisterra Ría de Muros-Noia Costa Sostible, presentou un proxecto de Desenvolvemento dun Protocolo de Coxestión entre as confrarías da Ría Muros-Noia, promovido polas confrarías destas dúas localidades co obxectivo de mellorar a xestión das zonas de libre marisqueo buscando o equilibrio entre a capacidade marisqueira e os recursos dispoñibles. A coxestión vai redundar nunha mellora na sustentabilidade económica, social e ambiental, demostrando que o marisqueo a pé é compatible cun coidado do hábitat mariño; unha clara experiencia de colaboración entre entidades, que poden conseguir mellores resultados traballando conxunta e coordinadamente; e que sería replicable no territorio da Arousa. O GALP 6 Ría de Pontevedra presentou nesta mesma mesa Mar das Illas, outro proxecto de colaboración no que participan os GALPs Ría de Pontevedra, Ría de Arousa Ría de Vigo-A Guarda, e que busca promover a actividade do turismo mariñeiro entre o colectivo mariñeiro e as súas familias nas Rías Baixas de Galicia, especialmente no ámbito do Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia, a través da formación, información e asistencia para o desenvolvemento de novas iniciativas xeradoras de emprego que contribúan a diversificar a actividade pesqueira.

Para finalizar, na mesa de SOCIAL, PATRIMONIO E MEDIOAMBIENTE presentáronse dous proxectos en estreita relación co patrimonio, o medio ambiente e a inclusión social. O GALP 8 Golfo Ártabro Sur presentou unha interesante proposta de mobiliario de Formigón Reciclado producido con cáscara de mexillón pola empresa Construcciones M. A. Ramos S.L. de  Cambre, un claro exemplo de economía circular que consegue solucionar un problema de xestión de residuos como o da cuncha de mexillón, transformándoo nun material para producir pezas de mobiliario de alto valor engadido. Por último, o GALP 1 Mariña Ortegal, presentou a creación da Aula do Mar, promovida pola Asociación de Axuda ó Enfermo Mental A Mariña, desde onde se desenvolve un proxecto de integración social para as persoas con enfermidade mental crónica no que se poñen en valor o patrimonio costeiro, os recursos patrimoniais e ambientais da zona A Mariña-Ortegal. Este proxecto desenvólvese na Unidade Residencial de Cervo (única residencia especializada en doenzas mentais na provincia de Lugo), onde as persoas participantes poden gozar de maneira activa nas actividades propostas aproveitando as potencialidades e características da costa Mariña-Ortegal.

Despois das presentacións de cada mesa, abríronse espazos de debate e intercambio, nos que as persoas asistentes tiveron a posibilidade de facer consultas directas para traballar en posibles ideas e iniciativas inspiradas nos proxectos presentados; ou mesmo axendar encontros de traballo coas persoas promotoras.

O crecemento sostible foi o común denominador de todas as experiencias presentadas durante a xornada, un factor que destacou a xerente da entidade, Rosa Carballo, quen animou ás persoas participantes a crear alternativas innovadoras e sostibles dentro do territorio, e ofreceu para elo toda a axuda e apoio do GALP Ría de Arousa.