Sorry, you need to enable JavaScript to visit this website.

O GALP Ría de Arousa celebrará o 6 de xullo unha xornada para coñecer o traballo das mulleres rañeiras, no marco do programa “O Sal do Mar”

GALP Ría de Arousa Programa O Sal do Mar 2021 convocatoria xornada mulleres rañeiras

 

O GALP Ría de Arousa celebrará, o próximo 6 de xullo ás 18:00 h, no Centro Social de Cabo de Cruz, unha xornada sobre as mulleres rañeiras. Este colectivo quere dar visibilidade ao seu traballo, así como aos retos aos que se enfrontan as mulleres deste sector. A xerente do GALP, Rosa Carballo, dará a benvida á xornada.

Na xornada coñeceremos as experiencias de tres mulleres do sector: Raquel Souto, mariscadora a flote e armadora na Confraría de Cabo de Cruz; Rosana Gago, mariscadora a flote e armadora na Confraría de Carril; e Dolores Gómez, bateeira, integrante de Aspromeri, a Asociación de Produtores Mexilloeiros de Rianxo, e presidenta da Asociación de Mulleres do Mar de Arousa. Na xornada tamén intervirá Maria Luísa Outeiral, concelleira de feminismo e igualdade do Concello de Boiro.

O GALP Ría de Arousa continúa, a través do programa O Sal do Mar, apoiando ás mulleres do mar de distintos perfís profesionais, ademais de ofrecer espazos de relación para xerar redes de apoio. Por iso, convidamos a todas as mulleres interesadas en participar desta xornada, a que se acheguen ao Centro Social de Cabo de Cruz nese data.

Para inscribirse, pódese enviar unha mensaxe electrónica a dinamizacionmulleresarousa@gmail.com ou chamar ao teléfono 627 096 062. Convida ás túas compañeiras!

Calendario das xornadas

No marco desta campaña, que este ano se denomina O Sal do Mar. Avanzar compartindo, celébranse varias xornadas nas que as mulleres deste ámbito son as protagonistas: elas mesmas, co apoio do GALP, falan das experiencias profesionais e das iniciativas que foron desenvolvendo nos últimos tempos, de aí o lema desta edición “Avanzar compartindo”. As xornadas prepáranse mediante reunións en liña, o que reforza o traballo en equipo e as habilidades dixitais adquiridas polas mulleres en anteriores edicións. As próximas xornadas serán:

  • 6 de xullo, de 18:00 a 19:30 h / As mulleres rañeiras: escoitando a súa voz. Lugar: Centro Social Cabo de Cruz.

  • 21 de xullo, de 18:00 a 19:30 h / A economía circular: coidando do noso mar. Lugar: Confraría de Cambados.

  • 28 de xullo, de 18:00 a 19:30 h / A bioloxía das mulleres: problemáticas e solucións dos nosos ciclos biolóxicos no desempeño profesional. Lugar: Centro Social de Escarabote (Boiro).

Despois do verán, o 22 de setembro ás 18:00 h, terá lugar, no Auditorio de Vilagarcía de Arousa, unha xornada final, na que se poñerán en valor as conclusións das xornadas anteriores, e establecerase un debate no que comezar a recoller os retos e as liñas mestras das accións de igualdade que pode incorporar o GALP Ría de Arousa no seguinte período.