
Esta semana, unha representación de mulleres do GALP Ría de Arousa capitaneadas pola súa xerente, Rosa Carballo, e a presidenta, María José Vales, participaron no 6º Congreso Nacional da Rede Española de Mulleres no Sector Pesqueiro, organizado polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (MAPA), que tivo lugar os días 5 e 6 de novembro na Universidade Laboral de Xixón baixo o título "Pola Igualdade na Pesca".
Nesta edición analizáronse os avances das organizacións de mulleres do sector pesqueiro e a maneira de abordar os retos e oportunidades para estas profesionais. Ademais, tivo un protagonismo especial a iniciativa empresarial feminina, a través de recoñecementos a iniciativas e proxectos innovadores promovidos por mulleres ou asociacións de mulleres do sector en ámbitos como o desenvolvemento de novos produtos e servizos, o medio ambiente, a diversificación, a inclusión social ou a promoción do liderado e empoderamento feminino.

