Sorry, you need to enable JavaScript to visit this website.

O II Encontro Territorial de Tanza na Ría de Arousa celebrouse mércores na Lonxa de Ribeira

 

O Proxecto Tanza para a cooperación entro o sector pesqueiro e o da inclusión social continúa a súa andaina no territorio do GALP da Ría de Arousa. Esta semana celebramos en Ribeira o II Encontro Territorial de Tanza no territorio do noso GALP, tal e como fixeramos a pasada semana no Grove. Desta volta a xuntanza tivo lugar na Lonxa de Ribeira e asistiron á mesma varios representantes do espazo, a Asociación AMICOS e a Asociación Ámbar, así como a xerente do GALP, Rosa Carballo.

 

No encontro quixemos pór en común ás entidades de inclusión co sector pesqueiro en busca de sinerxías de colaboración entre ambos. Reflexionamos conxuntamente sobre as posibles liñas de cooperación e as necesidades de servizos ou materiais que se poidan resolver dun xeito coordinado.

A reunión incluíu unha visita á lonxa na que as entidades de inclusión puideron ver as instalacións e o funcionamento dun dos máis importante puntos de comercialización estatais e europeos no referente á pesca de baixura. Na lonxa de Ribeira, cunha das propostas máis variadas de toda a zona costeira galega, pódense atopar case 100 das 120 especies que se comercializan en Galicia.

                                                                                                                                                                                                  

Co Proxecto Tanza promovemos dende o GALP -e en colaboración con outros 5 GALPs máis da costa galega- un modelo sostible de cooperación que xere iniciativas que salienten o traballo común para idear proxectos que fomenten o coidado do mar.

                                                               

A vindeira semana afondaremos na incubación de ideas de colaboración na Ría de Arousa coa segunda xuntanza de traballo no Grove.