Sorry, you need to enable JavaScript to visit this website.

O programa “O sal do mar” celebrará o 29 de xuño a súa xornada final centrada na experiencia e avances das asociacións das mulleres do mar

O Sal Do Mar ultima xornada avance


O GALP Ría de Arousa celebrará o 29 de xuño o último encontro do programa O Sal do Mar, que a longo de varios meses desenvolveu xornadas sobre a saúde sexual, o benestar psicolóxico e as habilidades dixitais das mulleres do sector do mar.

Este evento final terá como eixe central a participación das asociacións de mulleres do mar que, co seu traballo colectivo e a unión que promoven, foron acadando melloras e avances en igualdade, visibilidade e recoñecemento.

As mulleres do mar contan as súas experiencias

O encontro contará cunha benvida institucional, que correrá da conta de Susana Rodríguez Carballo, directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro; xunto con Rosa Carballo, xerente do GALP, e María José Vales, presidenta do GALP. A continuación, repasaranse os proxectos realizados polo GALP Ría de Arousa no período 2014–2021 en canto á promoción da igualdade de xénero no sector pesqueiro.

Así mesmo, no programa inclúese unha mesa conxunta, que levará por título “Xuntas somos máis fortes: experiencias de asociacionismo de mulleres do mar”. Nela participarán Dolores Gómez Ordóñez, presidenta da asociación Mulleres Salgadas; Verónica Veres, presidenta do Peirao, Federación Galega de Redeiras Artesás; e Rita Míguez, presidenta de ANMUPESCA.

Degustación de produto mariñeiro

Ademais, haberá un espazo para poñer en común temas de interese das persoas asistentes, que enfoquen vindeiros programas de formación e información partindo das súas inquedanzas. Para rematar, celebrarase unha degustación de produto mariñeiro, ofrecendo este espazo informal no que promover o fortalecemento das redes de mulleres do mar.

A xornada terá lugar o mércores 29 de xuño, entre as 17:30 e as 20:30h, no Centro de Desenvolvemento local de Vilanova de Arousa. Para asistir é preciso confirmar asistencia no teléfono 627 096 062 ou no correo electrónico dinamizacionmulleresarousa@gmail.com.