Sorry, you need to enable JavaScript to visit this website.

O programa “O Sal do Mar” do GALP Ría da Arousa presentará nunha xornada sobre sostibilidade os proxectos Tanza e Mar Limpo

GALP Ría de Arousa Programa O Sal do Mar 2021 xornada sostibilidade

 

O GALP Ría de Arousa, no marco do programa O Sal do Mar, celebrará o mércores 21 de xullo, ás 18:00 h na Confraría de Cambados, unha xornada sobre a sostibilidade do medio ambiente e a economía circular. A sesión centrarase en expoñer e presentar dous proxectos promovidos por institucións e entidades da Ría de Arousa, nos que as mulleres son o motor para a súa posta en marcha. Fátima Abal, alcaldesa de Cambados, dará a benvida á xornada.

Unha desas iniciativas é o proxecto Tanza, no que colaboran a cooperativa mexilloeira Amegrove, o Concello do Grove e a Asociación Bata, e que será un proxecto referente da economía circular na zona do Salnés.

Pola súa banda, o programa Mar Limpo, promovido pola Confraría de Vilanova de Arousa, trata de reducir o lixo mariño, editando unha guía de boas prácticas que se pode aplicar para coidar do noso medio, en especial, do mar.

Se es unha muller de mar e tes interese en participar nesta xornada, podes poñerte en contacto con nós no correo electrónico dinamizacionmulleresarousa@gmail.com ou no teléfono 627 096 062.

Próximas citas

No marco desta campaña, que este ano se denomina O Sal do Mar. Avanzar compartindo, celébranse catro xornadas nas que as mulleres deste ámbito son as protagonistas: elas mesmas, co apoio do GALP, falan das experiencias profesionais e das iniciativas que foron desenvolvendo nos últimos tempos, de aí o lema desta edición “Avanzar compartindo”. A próxima e derradeira xornada será o próximo 28 de xullo, de 18:00 a 19:30 h e leva por título A bioloxía das mulleres: problemáticas e solucións dos nosos ciclos biolóxicos no desempeño profesional. Terá lugar no Centro Social de Escarabote (Boiro).

Despois do verán, o 22 de setembro ás 18:00 h, terá lugar, no Auditorio de Vilagarcía de Arousa, unha xornada final, na que se poñerán en valor as conclusións das xornadas anteriores, e establecerase un debate no que comezar a recoller os retos e as liñas mestras das accións de igualdade que pode incorporar o GALP Ría de Arousa no seguinte período.