
O proxecto Bitácoras é unha proposta de colaboración entre os Grupos de Acción Local do Sector Pesqueiro de Galicia, que pon en valor a interacción entre grupos, anota o traballo desenvolto ao abeiro do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca no período 2014-2020, e afonda na gobernanza das zonas costeiras, apoiándonos nun enfoque metodolóxico do DLP (Desenvolvemento Local Participativo). Participan del o GALP Golfo Ártabro Norte, GALP Golfo Ártabro Sur, GALP Costa Sostible, GALP Ría de Arousa e GALP Ría de Pontevedra.
Os Parladoiros
Dentro das actividades previstas na grella do proxecto atopamos os Parladoiros, xornadas de reflexión conxunta que queren poñen en común experiencias de referencia no territorio en distintos eixos temáticos que van do desenvolvemento sostible das zonas costeiras, ata a innovación e o consumo no sector, pasando por cuestións vencelladas á identidade dos territorios costeiros, os retos da economía azul e o pacto verde na costa galega ou a gobernanza nos territorios do litoral.
Ría de Arousa: identidade nas zonas costeiras
A andaina das Bitácoras chegou este pasado xoves 12 de maio á Ría de Arousa cun Parladoiro celebrado no Pazo de Vista Real de Vilanova.
A xornada pivotou en torno á idea da identidade das zonas costeiras cunha mesa redonda composta por catro dos proxectos que acadaron financiamento dentro do programa do FEMP que xestiona o GALP e que están vencellados a cuestións de importante relevancia na construcción de identidade no territorio.
Ás 10.30h dábanse cita as participantes do Parladoiro en Vista Real no lugar de sede da actividade. Pasaban das 11h cando María José Vales, presidenta do GALP, agradecía a asistencia ás persoas participantes, introducindo a intervención de Rosa Carballo -xerente do GALP-. Esta última explicou ao comezo a importancia que ten o grupo dentro do territorio de Arousa. Falou Rosa do papel e a importancia do grupo dentro do territorio da Ría e explicou ás convidadas o seu labor, facendo unha reflexión sobre a experiencia da xestión e desenvolvemento dos proxectos promovidos polo grupo. Explicou tamén cuestión vencelladas ao nivel de execución do programa 2014-2020 do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca no seu territorio.
Ao remate de Rosa comezou a mesa redonda, eixo central da actividade, na que se propuxo a identidade das zonas costeiras como cuestión temática. Moderou a mesma Xoán Manuel Neira, investigador da cultura e o patrimonio mariñeiro, cun relatorio sobre a ideosincrasia das zonas costeiras que lle valeu para contextualizar ao resto de relatores da mesa.
Mesa redonda: a identidade das zonas costeiras. Que é ser de costa?
Abriu a mesa Gerardo Triñanes cun simposio sobre a actividade no seu asteleiro vencellado á carpintaría de ribeira e á súa actividade en relación ao sector pesqueiro. Gerardo incluiu ao longo da súa intervención sendas reflexións sobre a necesidade das persoas que habitan o territorio costeiro galego de vivir de cara ao mar, asñi como múltiples cuestións relacionadas co desenvolvemento sostible da costa, liña motriz do filosofía das Bitácoras.
Preseguiu María José Cacabelos para falar do papel da muller no mar, explicando a evolución do papel das mulleres na Ría e as distintas etapas da xestación do seu asociacionismo. Como colofón, explicou a actividade de Guimatur -a asociación cultural das mulleres do mar de Cambados- e as liñas de traballo en colaboración co Concello do mesmo municipio para dar difusión ao seu xeito de vivir e traballar no territorio de Arousa.
Pechou o Parladoiro Ignacio Rey, da Asociación BATA, cunha ponencia sobre a inclusión social de persoas con diversidade funcional -especialmente aqueles con autismo, liña de traballo da entidade- nas costas galegas. Explicou tamén os distintos proxectos que levaron financiación do Grupo dos que participaron os seus usuarios. Rematou a súa intervención agradecendo o labor do GALP na dinamización de proxectos que inclúan a participación dos seus usuarios, garantindo así que “podan entender e sentir o que é ser cidadáns de pleno dereito”.
Todas as participantes da mesa trasladaron a súa gratutide e traballo ao Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro, valorando como moi positivo o seu traballo na implementación do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca no territorio da Ría de Arousa.
O documental das Bitácoras
Ao rematar a mesa, proxectouse o documental das Bitácoras no territorio da Ría de Arousa que xa pode visualizarse aquí. A peza repasa o traballo desenvolto polo GALP no territorio, centrándose nos proxectos que se desenvolveron nesta zona co apoio do programa de axudas do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca, xestionado polo grupo en colaboración coa Consellería do Mar da Xunta de Galicia.
Como broche final á sesión da mañá, visitouse a exposición da Mostra de Boas Prácticas nos territorios promotores das Bitácoras, onde se recollen as especificidades dos proxectos seleccionados polas xuntas directivas e o público de entre todos os aprobados ao longo do programa 2014-2020.
Sobre as 14h serviuse unha pequena degustación de produto pesqueiro da contornaque partiu a xornada e abriu un momento máis distendido entre as persoas asistentes dos cinco territorios costeiros que abranguen os GALP participantes.
Visitas a proxectos
Ao rematar, comezou a proposta de tarde da actividade do Parladoiro, onde as e os asistentes se desprazaron á zona da porto de Vilanova. Alí, asistiron ao final da subasta na Lonxa e achegáronse ás instalacións da confraría. Xa alí, María José Vales explicou a actividade da entidade vencellada ao GALP e deu paso ás responsables do proxecto XESMAR. Así, Pablo Dorgambide -desarrollador da aplicación- e Diana Castelo -responsable de implementación da mesma na confraría- contaron os pormenores deste mecanismo innovador para a xestión da actividade marisqueira.
Proposta temática dos vindeiros Parladoiros
Rematou así o terceiro dos Parladoiros deseñados no marco do Proxecto das Bitácoras, que se suma aos xa desenvoltos no territorio do GALP Costa Sostible e o GALP Golfo Ártabro Norte.
A previsión é realizar dous parladoiros máis no resto de territorios participantes. Continuará a ruta das Bitácoras na Confraría de Portonovo, en Sanxenxo, o vindeiro 10 de xuño cunha sesión sobre o modelo de gobernanza nas zonas costeiras e rematará esta proposta de actividade nos parladoiros na Lonxa da Coruña o 17 de xuño cunha sesión que reflexionará sobre o consumo e a innovación do produto pesqueiro galego.